A asociación cultural 'Foucelhas' recompila a historia de máis de 150 persoas da bisbarra que sufriron a represión nos primeiros anos do golpe militar de 1936.
Máis de 70 anos despois de que un golpe militar desatase unha vaga de represión, en Ordes un grupo de mozos e mozas encadrados na asociación cultural 'Foucelhas' recuperan e difunden a memoria dos homes e mulleres que pagaron as consecuencias das súas ideas demócratas. O colectivo ordense, que botou a andar este mesmo verán, recolle datos básicos de máis de 150 persoas da bisbarra, moitas delas esquencidas polo paso dos anos, que foron asasinadas, detidas ou perseguidas polas súas ideas políticas.
Botando man de traballos previos, entre eles os do historiador local Manolo Pazos, pioneiro na comarca nos traballos de recuperación da memoria, a asociación Foucelhas colga na súa páxina web retallos de vida de homes e mulleres que acabaron acribillados nunha gavia, detidos, agochados ou humillados nun tempo escuro. Canda nomes xa históricos como os de Benigno Andrade ou Manuel Ponte, aparecen os de moitos outros que ignoran até os seus propios veciños.
Porén dende o propio colectivo subliñan que moi probábel que a lista estea incompleta e por iso mantéñena aberta. Como aberto está o caso dos tres descoñecidos que un 28 de outubro de 1936 apareceron mortos a balazos na Ponte Boicalvo, na parroquia de Xesteda (Cerceda). Setenta e tres anos despois, a súa aínda é unha historia incompleta.