A Consellaría de Medio Ambiente está redactando un documento marco de planificación dos espazos protexidos.
Galiza conta actualmente cun 11,9% dos seu territorio catalogado como espazo protexido. Porén, non hai elaborado ningún plan de conservación relativo a calquera destas zonas. Segundo adiantou o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, a Xunta xa está a traballar na elaboración dun plan director de planificación para os espazos integrados na Rede Natura 2000. O seu obxectivo é modificar a Lei de Conservación da Natureza para adaptala á normativa estatal de patrimonio natural e biodiversidade de 2007.
García Borregón asegurou que a intención do Goberno é contar cun documento definitivo no primeiro semestre do ano que ven e iniciar o proceso de información pública previa á súa aprobación en xullo do vindeiro ano. Ao tempo que criticou que o goberno bipartito non adoptase ningunha medida nesta liña, o alto cargo de Medio Rural asegurou que o compromiso da Xunta é ampliar a proporción de espazos protexidos en Galiza.
Segundo explicou a Consellaría está a estudar "unha nova proposta de Red Natura", que se basea na necesidade de "corrixir as insuficiencias impostas pola Unión Europea" a través de normativas. Afirmou que "a necesidade derivada da Lei de Patrimonio do Estado é "mellorar a conectividade dos hábitats e dotar á Rede de maior coherencia e fomentar a conservación de elementos da paisaxe".
Promoción de parques naturais
O Goberno facía este anuncio o mesmo día en que Xunta e Ministerio de Medio Ambiente acordaron investir 24 millóns de euros na promoción dos parques naturais galegos. Este financiamento destinarase, fundamentalmente, á instalación de equipamentos nos espazos naturais protexidos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, adiantou que, en particular, se financiarán proxectos do centro de mamíferos mariños de Baiona e a aula da natureza en Ribas de Sil.