Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTIDADES DEMOCRÁTICAS E TRANSPARENTES

Cómpre un maior control público da actividade das caixas?

Os nacionalistas propoñen unha nova lei na que ningún director xeral poida estar no cargo a partir dos 65 anos, o que invalida as opcións de Quintás, Méndez e Gayoso.

Redacción - 17:45 24/09/2009
Tags: caixas lei

Hai que artellar mecanismos que velen pola transparencia e o funcionamento democrático das caixas. Isto é a premisa fundamental que guía, segundo o BNG, a súa proposta para unha Lei de Caixas que vai levar nas vindeiras semanas ao Parlamento. O terceiro alicerce, segundo os nacionalistas é garantir que “o aforro dos galego quede en Galiza”. Sen dicilo expresamente, o voceiro nacional Guillerme Vázquez e o deputado Fernando Blanco deixan entrever así os tres grandes problemas que teñen as entidades de aforro autóctono.

Os nacionalistas tamén piden que na nova lei figure nunha disposición adicional o “impulso á integración e fusión das caixas de aforro galega”. O obxectivo deste apartado sería o de “consolidar unha estrutura que mellore o financiamento das empresas e sectores produtivos de xeito coordinado coa política económica do Goberno”. O Bloque subliña que hai que descartar calquera solución que pase por unha dirección xeral radicada fóra do país.

Adeus ás vacas sagradas

Na proposición de lei, os nacionalistas piden que haxa mecanismos que obriguen a que os altos executivos das caixas teñan que dar de xeito constante “información obxectiva” en órganos nos que participen clientes e representantes das administracións públicas.

No articulado hai un dato que resulta chamativo. Os nacionalistas piden que ningún executivo poida permanecer logo dos 65 anos nas direccións xerais da caixas de aforros. De aprobarse esta medida, ficarían automaticamente excluídos os dous pesos pesados de Caixa Galicia e Caixa Nova: José Luís Méndez (64 anos) e Fernández Gayoso (78) e tamén quedaría excluído a teórica aposta de Núñez Feijoo, Juán Ramón Quintás (66).

Na proposición de lei tamén se exixe que os cargos directivos teñan a obriga de declarar os seus intereses e actividades persoais para evitar “incompatibilidades entre as responsabilidades na caixa e os seus intereses privados”.

A capitalidade e o futuro dos altos cargos complican a fusión das caixas galegas


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: