Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO MARCO DA FOLGA EUROPEA

Por un prezo xusto, 60 mil litros de leite polo chan

Gandeiros da comarca de Compostela deitaron a produción de 300 explotacións para exixir unha solución inmediata para o sector. Vídeo no interior.

Redacción - 17:26 23/09/2009

"A revolta campesina chegou a Galiza". Así definiu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire, as accións reivindicativas que protagonizaron os gandeiros este mércores. Como estaba anunciado, os produtores negáronse a entregar o leite aos camións e, pola contra, esparexérono nunha leira da parroquia de Nemenzo (Santiago de Compostela), en protesta polos baixos prezos que seguen a percibir polo seu traballo.

Sesenta mil litros de leite, procedentes de 300 explotacións lácteas, foron deitados por 14 camións cisterna neste terreo, propiedade dun gandeiro afiliado ao SLG. É o resultado do traballo dos produtores de diferentes granxas de Arzúa, A Estrada, Xallas, Ordes e a Costa da Morte, que preferiron tirar o seu leite a vendelo a un prezo tan baixo que non chega nin a cubrir os custes de produción.

A exixencia segue sendo, a día de hoxe, a xa repetida nos últimos meses: "so queremos un prezo xusto", subliña Carme Freire. "Os prezos que cobramos non só non subiron dende o pasado mes de xullo, cando se celebraban as tractoradas tanto en Compostela como en Lugo, senón que aínda baixaron máis", subliña Freire. Segundo recorda, os produtores galegos perciben unha media de 22 céntimos de euro por litro de leite, cando o prezo mínimo co que poderían asumir o seus propios custes non baixa dos 31.

"Queremos que dunha vez o presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, a ministra de Medio Rural, Elena Espinosa, e o conselleiro, Samuel Juárez, asuman o seu papel e se poñan á fronte desta loita que está deixando na creba ao sector gandeiro do país", reivindica o SLG. Finalmente, Freire advertiu que protestas coma esta se sucederán nos vindeiros días noutras comarcas do país.

Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias, en contra
Unha vez máis e plasmando a fenda sindical, os responsábeis das outras dúas formacións con pegada no país desautorizaron a protesta promovida polo SLG.

Tanto o secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), Francisco Bello, como o de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, aseguraron que "cando vas perdendo non é bo copiar a estratexia de países competidores", referíndose a Bélxica e Francia, que teñen excedentes de produción, mentres que o Estado Español é deficitario. Entenden así que esta medida provocará "aínda máis perdas aos gandeiros".

Pola súa parte, Freire asegurou a Vieiros que "este argumento cae polo seu propio peso; non podemos asumir aos gandeiros europeos como competidores, senón como compañeiros, e hai que recordar que eles son os primeiros que iniciaron a folga, polo que non están producindo e, polo tanto, o seu leite non entrará a competir co noso".


Ligazóns

5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Os gandeiros deitaron a produción de 300 explotacións lácteas

Exixen un prezo xusto para o seu traballo
Exixen un prezo xusto para o seu traballo
Na actualidade, os produtores reciben de media 22 céntimos de euro por litro
Na actualidade, os produtores reciben de media 22 céntimos de euro por litro
Carme Freire lembrou que este tipo de accións se sucederán nos vindeiros días noutras comarcas do país / Imaxes: SLG
Carme Freire lembrou que este tipo de accións se sucederán nos vindeiros días noutras comarcas do país / Imaxes: SLG