Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS MOBILIZACIÓNS CONTINÚAN

Convocadas máis mobilizacións contra os recortes nas escola de idiomas

A partir do vindeiro 5 de outubro en Ferrol iniciarase un novo peche que secundarán os centros de Pontevedra, A Coruña, Vigo, Ourense e Santiago.

Redacción - 19:05 22/09/2009

Logo da folga secundada por todos os sindicatos do ensino hai dúas semanas, os docentes das Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII) volverán a demostrar o seu desacordo coa política educativa que lles afecta a comezos do vindeiro mes de outubro. Na asemblea de todo o profesorado celebrada este martes no Instituto de Fontiñas, en Santiago de Compostela, tomouse a decisión de continuar coas mobilizacións ante "a persistencia da Consellaría de Educación en impoñer a circular que modifica as condicións de traballo" dos mestres.

A decisión foi levar a cabo un peche nas escolas de Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago, unha folga que se iniciará o vindeiro día 5 en Ferrol e que rematará o 22 en Compostela. Todas as forzas sindicais (CIG-EnsinoCCOOFETE-UGT , STEG  e ANPE) avaliaron negativamente a actitude de Educación, a quen acusan de adoptar actitudes represoras dende o inicio das mobilizacións.

Contra unha circular que limita a calidade do ensino
A protesta, que se iniciara xa no pasado mes de xullo, nace contra a publicación dunha circular (5/2009), na que Educación introducía novas instrucións sobre o procedemento de admisión, matrícula e organización académica nas EEOOII para este curso 2009-10. Na opinión das organizacións sindicais, todas sen excepcións, estas mudanzas supoñen "un atraso significativo" na calidade do ensino. Critican que se empeoren as condicións de traballo do profesorado, por mor da modificación dos horarios lectivos e complementarios, o que suporía a redución de até o 30% no cadro de persoal.

Os sindicatos piden a retirada desta nova norma e que se abra un proceso de negociación, unha exixencia que manteñen dende hai máis dun mes, mais que aínda non recibiu ningunha contestación por parte da Consellaría. Pola contra, nesta última xuntanza, o profesorado denuncia as declaracións difamatorias "tanto do conselleiro como do director xeral". Alertan de que "as inspeccións pretenden impor esta circular escola por escola, mesmo con presións e ameazas, modificando os horarios xa aprobados, saltándose os prazos de matrícula".

Recollida de sinaturas
Ademais de continuar cos peches dos centros, os sindicatos acordaron recoller sinaturas entre o alumnado e o profesorado pedindo a "retirada da circular e o mantemento e ampliación da calidade da oferta que viñan realizando estas escolas". Tamén decidiron adoptar resolucións dos claustros e consellos escolares na mesma liña e declarar persoas non gratas ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e ao director xeral de Educación, Xosé Luís Mira Lema, "pola difamación e o descrédito sementado sobra a nosa actividade docente.

Finalmente, tomaron a decisión conxunta de "facilitar que o alumnado poida presentar queixas pola diminución da calidade na oferta", colocar nos centros carteis que deixen constancia da situación e non asinar a conformidade cos horarios "que está a impor a Administración".


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: