Diversos colectivos amparan o labor do colectivo e da veterana reporteira, xulgada esta quinta feira nun 'anecdótico' proceso.
300 euros, 10 euros diarios durante 30 días. Esa é a cantidade da multa que a Fiscalía solicita para a xornalista Zélia Garcia acusada -"falsamente", segundo a defensa- de berrar, nun acto organizado polo colectivo Ceivar o 24 de xullo de 2008, 'policía asasina', 'torturadores' e 'ETA mátaos'.
Vinte persoas concentráronse en solidariedade coa acusada, colaboradora de Gzvideos, no exterior do xulgado onde se desenvolveu o xuízo, esta quinta feira en Compostela. Un xuízo caracterizado por varias 'anécdotas'.
O xuíz, Francisco Javier Míguez Poza, increpou o avogado de Zélia Garcia por non vestir gravata. Ademais, o axente que deu testemuña en contra da xornalista alegou que "non entendía o galego", polo que a defensa solicitou un servizo de tradución. Finalmente non fixo falta a súa utilización, xa que o maxistrado se ofreceu a traducir as palabras para o policía.
O proceso desenvolveuse malia que entre a falta e a vista pasaron máis de seis meses. Por iso, o avogado da acusada argumentou que debería ser anulado xa que este feito implicaba a súa prescrición. No entanto, o xuíz desestimou esta alegación.
Dúas xornalistas presentes no seu dia no lugar dos feitos declararon que a presenza de Zélia Garcia "se limitou a recoller testemuña audiovisual" do que aconteceu no acto de Ceivar" (unha cadea humana en apoio aos presos independentistas), sen que esta participase como manifestante, e achegaron documentos gráficos.
Profesionalidade contrastada
Ademais da concentración no exterior do xulgado, a xornalista -veterana na información puntual e rigorosa de numerosas manifestacións e conflitos sociais en todo o país- recibiu numerosas mostras de apoio individuais e de colectivos, como por exemplo, a rede A Ría Non Se Vende, que cualificou o xuízo de "farsa" e de "ataque á liberdade de expresión", e salientou o "excelente traballo" de Gzvideos. A sentenza coñecerase en sete días.