O banco de investimento converteuse no símbolo da crise financeira provocada polas hipotecas lixo nos EUA.
Richard Fuld, xefe executivo de LB
Este luns fai un ano da caída do banco de investimento Lehman Brothers, que se converteu no símbolo da crise financeira provocada pola caída das hipotecas lixo nos Estados Unidos no verán de 2007. Dende aquela o mundo sofre a maior recesión económica da historia, todo por un xeito de facer negocios.
A delicada situación de Lehman Brothers xa se constatou o día anterior á bancarrota, o sábado 13 de setembro de 2008. Aquel día, o presidente do Banco da Reserva Federal de Nova York convocou unha xuntanza sobre o futuro de Lehman. Debateuse sobre unha posíbel liquidación de emerxencia. Acababa de fracasar a venda de Lehman a Barclays e a Bank of America.
Despois dunha sesión extraordinaria de negociación, que tivo lugar o domingo 14, Lehman Brothers Holdings anunciou que se acollería a bancarrota, cunha débeda bancaria de 613 mil millóns de dólares, 155 mil millóns en títulos de débeda e 639 mil millóns en activos.
A caída de Lehman Brothers provocou, á súa vez, o derrubamento dos principais mercados de valores do mundo, comezando pola bolsa de Nova York, onde se atopaba a súa sede principal.