Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reportaxe: COLECTIVOS CASTIGADOS

Adeus ao manifesto da cultura da pobreza

En Galiza a comunidade xitana “está esperimentando nos últimos 50 anos máis cambios que nos 400 anteriores”.

Iria Ameixeiras - 12:00 14/09/2009

A realidade dos xitanos cambiou nos últimos anos máis do que o fixo en toda a súa historia no país. Gorka de Luís González, coordinador da Fundación Secretariado Xitano na Coruña, asegura que a situación dos xitanos en Galiza é peor que noutras zonas do Estado. Porén, a conciencia de pobo mantense viva entre os ciganos.


Actualmente, a administración estatal está levando a cabo políticas de integración da poboación xitana. Para os membros da fundación, o importante é “facer visíbel ao xitano invisíbel”. O xitano visíbel é o do programa de Cuatro, “Callejeros”, a imaxe da cultura da pobreza. Esta non representa todo o pobo xitano. Por iso, cando unha noticia identifica os suxeitos porque son xitanos, “non está aportando nada á noticia”. Estas políticas, segundo Gorka, son necesarias, pero ademais, “todos os cidadáns temos unha función”. Fai falta máis. 

O cambio na comunidade xitana rompe coa convención social que relaciona o mundo calé co da pobreza e a exclusión. Aínda así, hai unha imaxe histórica de “colectivo castigado”. Dende a Fundación Secretariado Xitano, aseguran que moitos deles agora non son pobres nin excluídos. Nunha entrevista en Vieros, Gorka comenta que, nos seus inicios como voluntario a prol do desenvolvemento do pobo xitano, unha monxa lle recordaba que había 20 anos, os xitanos non tiñan nin DNI, nin papeles, nin documentación da seguridade social. Gorka alégrase de contar que cando antes os xitanos acudían aos membros da fundación, chegaban pedindo unha pensión, agora chegan dicindo: “dáme un traballo”. 

Guetos no século XXI 
A crise económica afectou especialmente o pobo xitano, xa que unha das principais deficiencias da xente desta etnia é a carencia de formación. Sectores coma o servizos ou o da construción eran, antes da decadencia financeira, aqueles con maior número de insercións, agora, o nivel de contratación reduciuse nun 35%. Os xitanos “teñen unha visión a curto prazo, queren iso e quéreno xa”. Así mesmo, a súa condición de autónomos coma mercaderes nun pasado, condiciónaos á hora de incorporarse ao mercado laboral por conta allea. 

Para Gorka, “as mulleres son o motor de cambio en todas as sociedades, polo xeral”, na comunidade xitana acontece da mesma maneira. Quixo poñer como exemplo a muller de Alcántara, da serie de TVE1 "Cuéntame" (sobre os últimos anos da ditadura de Franco e a Transición). As mulleres “xa podían ir pedir un crédito”, nas comunidades xitanas pasa o mesmo, a muller ten máis gañas de formarse e traballar. 

A fundación defende a necesidade que teñen os xitanos de integrarse nos núcleos urbanos. A construción de grupos de vivendas supón unha perpetuación dos guetos. Aseguran que até a década de 1970, a Garda Civil “parábaos porque si”. A comunidade xitana precisa casas de aluguer, “como todo o mundo”. Ademais, Gorka engade que o 75% da etnia xa vive dunha actividade económica que lle permite pagar unha vivenda. É por iso que opina que construír cidades plurais crea sociedades, “ao mellor menos ricas, pero tamén menos pobres”. O mito do burro no ascensor que “percorreu toda España”, pérdese aí, nunha realidade ficticia froito de esquemas sociais decimonónicos.

“O xigante con pés de barro”
A Fundación Secretariado Xitano nace vinculada ao antigo secretariado da igrexa hai 25 anos. Gorka de Luís González explica que os seus primeiros traballos gardan relación co carácter educativo, a droga e o VIH. Nos últimos anos mudaron as necesidades e con elas o seu labor social, agora emprego e vivenda son os máis importantes. 

“Somos un xigante con pés de barro”, unha fundación de cartácter privado pero na cal, o 95% dos ingresos proceden de fondos públicos. O 40% da corporación son xitanos. Porén, Gorka comezou a interesarse por esta cultura aos 17 anos, colaborando con xesuítas. Na organización sempre intentan contar cun mediador xitano, alguén que se poña en contacto coas familias, aínda que ás veces “recibas un portazo”. Xa axudaron 800 persoas vítimas da marxinación. 

Actualmente están levando a cabo o programa ACCEDER, un plan estratéxico de axuda ás familias xitanas con proxección até o 2013. Pretende levar a cabo unha “loita contra a discriminación” comenta Gorka, coa axuda de fondos europeos e coa cofinanciación de gobernos autonómicos e locais. Isto permite tratar o tema do emprego, xa que, asegura Gorka, “non é cuestión de que a comunidade xitana non queira traballar, senón que teñen problemas para acceder ao traballo”. Tamén adican as súas forzas a perpetuar a cultura xitana e concienciar ao pobo dunha historia que ás veces descoñecen: o holocausto. A cultura xitana sempre foi ágrafa, de aí o respecto aos maiores, o recoñecemento á experiencia, a conciencia de pobo.


3,33/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: