Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día do Cooperante

Homenaxe aos catro galegos mortos en traballos de cooperación exterior

A Coordinadora Galega de ONGD e a Xunta lembraron este martes aos finados desde 1998: Mercedes Arteche, Manuel Cota, Henrique Aller e José Ignacio Salgado.

Redacción - 14:30 08/09/2009

O 8 de setembro é o Día do Cooperante. Case 50 galegos celebrarán esta xornada desenvolvendo proxectos en diferentes lugares do mundo. En Galiza, a Coordinadora Galega de ONGD e a Xunta conmemoraron esta data cunha homenaxe aos catro cooperantes galegos que morreron desde 1998 cando traballaban en cooperación exterior: Manuel Cota Cabanillas, que desapareceu en Honduras, e Mercedes Arteche Prieto, Henrique Aller López e José Ignacio Salgado Blanco, que morreron en Perú. Unha placa nos xardíns dos edificios administrativos de San Caetano lémbraos agora aos catro.

Este acto enmárcase dentro da primeira Semana da Cooperación, que leva como lema “A nosa cooperación, máis túa ca nunca”. O obxectivo é concienciar á cidadanía da importancia da cooperación internacional e tamén lembrar a condición laboral que define aos cooperantes. A Coordinadora Galega de ONGD salienta que os cooperantes son “profesionais que traballan no exterior cunha vinculación laboral”, non voluntarios nin misioneiros.

Por iso teñen as súas propias demandas laborais, que nesta data trasladan á administración. As ONGDs galegas reclaman da Xunta medidas como a inclusión da experiencia en cooperación internacional como mérito no acceso á función pública, o apoio á inserción sociolaboral dos cooperantes, máis bolsas de formación e a mellora das condicións laborais. Outras reclamacións das ONGDs son a realización dun censo anual de profesionais da cooperación, a adhesión da Xunta de Galicia ao seguro colectivo para cooperantes no exterior instituído pola AECID e o fomento do voluntariado en cooperación internacional.

Fondos para a reconstrución de Gaza
Por outra parte, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vai contribuír con 30.000 euros aos labores de emerxencia que o Comité Español da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) realiza no territorio palestino de Gaza. Os recursos que achegan os concellos de Ferrol, A Coruña e Vilagarcía de Arousa e o recadado a través da conta de emerxencia do Fondo Galego servirán para colaborar na reconstrución da Faixa de Gaza logo da ofensiva aérea e terrestre realizada polo exército israelí contra o territorio palestino entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: