Descendeu un 24% respecto ao mesmo mes do ano pasado. A media estatal caeu un 16,7%. Por actividades, so soben a farmacéutica e a química.
Canarias é onde menos retrocedeu
O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) rexistrou no noso país en xullo unha caída do 24% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, a segunda maior do Estado só superada pola da Comunidade Autónoma de Navarra (-28,4%).
Segundo os datos difundidos este martes polo Instituto Xeral de Estatística (INE), Galiza descendeu un 20,6% no que vai de ano. No que respecta á media estatal, a caída en en xullo respecto a 2008 foi do 16,7%, un 17,4% se se descontan os efectos de calendario.
Todas as comunidades do Estado experimentaron caídas en xullo. As menores corresponderon á de Madrid (-8,8%) e á de Castela-A Mancha (-9,1%). No que vai de ano, na de Canarias é onde menos retrocedeu a produción industrial, e nas de Navarra e do País Vasco, onde máis.
Co descenso de xullo, a produción industrial acumula xa quince meses de caídas interanuais consecutivas, presentando retrocesos de dous díxitos dende outubro de 2008. Nos primeiros sete meses do ano, a produción industrial retrocedeu un 20,7% en comparación co mesmo período de 2008, descenso que baixa até o 20,2% eliminado o efecto calendario.
Aumentos na fabricación farmacéutica
Case todas as actividades experimentaron en xullo descensos interanuais na súa produción, destacando a fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos, cunha caída do 41,3%, e a confección de pezas de vestir (-35,8%).
Tamén se rexistraron descensos superiores ao 30% na fabricación de material e de equipo electrónico (-33,5%), na fabricación de mobles (-31,9%) e na fabricación de vehículos a motor, remolques e semirremolques (-30,6%), entre outras actividades.
Pola contra, en xullo só se rexistraron aumentos da produción na fabricación de produtos farmacéuticos, cun avance do 9,6%, e na industria química (14,2%).