Os outros seis tripulantes da embarcación afundida foron rescatados en bo estado por Salvamento Marítimo.
Equipos de rescate atoparon o cadáver de Andrés Landrove, patrón do pesqueiro Hermanos Landrove, con base en Cariño, que emborcou a madrugada do martes a 26 millas ao norte da Coruña. Os outros seis tripulantes foron rescatados en bo estado, segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo.
O accidente produciuse algo despois da unha da madrugada por causas aínda sen precisar. A esa hora, Salvamento Marítimo recibiu a alerta e puxo en marcha un operativo de busca con dúas embarcacións e un helicóptero que, despois de quedar sen combustíbel, tivo que ser substituído por outro aparato.Segundo informaron, o mar calmo e as condicións meteorolóxicas non están a dificultar os labores de busca do patrón do barco. A Radio Galega informou do achado do corpo.
O 'Nosa Cantiga', sen permiso
Por outra banda, o pesqueiro Nosa Cantiga, que foi a pique o luns nas proximidades de Esposende, en Portugal, carecía de permiso temporal de pesca dende o 30 de xuño, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Medio Ambiente. Os oito tripulantes do arrastreiro, con base en Las Palmas, foron rescatados a última hora do domingo.
O barco, de 42 anos de antigüidade, faenara en augas internacionais até 2005. Dende entón, permanecera amarrado nun peirao de Marín, até que a Autoridade Portuaria iniciou un procedemento xudicial para embargalo, por non pagar as taxas do porto. Cando se sacou a concurso de despezamento, mercouno un armador de Ribeira.