Dous axentes presentáronse na casa da presidenta da asociación contraria ao trazado dunha liña de alta tensión preguntando por unha xuntanza que se celebrara o día anterior.
Adega e a Plataforma Non ao Trazado da Liña de Alta Tensión Trives- Aparecida (NOTTA) presentaron unha queixa formal diante da subdelegación do goberno español en Ourense pola actitude irregular de axentes da Garda Civil do cuartel de Viana do Bolo.
A polémica xurdiu logo dunha xuntanza da plataforma que tivo lugar o pasado sábado na vivenda da súa presidenta, Isabel González. Ao día seguinte, unha parella da Garda Civil presentouse no domicilio preguntando que temas se trataran e quen estivera presente na reunión.
Aínda que a presidenta non se atopaba nese momento na vivenda, outro familiar, tamén da plataforma, negouse a facilitar a información requerida á vez que interpelou aos funcionarios sobre quen ordenara facer ese seguimento. Segundo afirman dende a plataforma, un dos axentes sinalou que era “unha práctica que lle ensinaran na Academia da Garda Civil”.
Dende a plataforma agardan as explicacións do subdelegado e non descartan presentar unha denuncia xudicial para saber quen deu as ordes. Vieiros púxose en contacto co gabinete de prensa da Subdelegación, dende o mesmo non se facilitou información sobre o conflito alegando que non había aínda constancia oficial da queixa.
A plataforma oponse ao trazada dunha liña de alta tensión (400kv) que segundo denuncian afecta a Trives, Manzaneda, Viana do Bolo, A Gudiña, Mezquita e a Lubián. A obxección principal é que a infraestrutura pasa moi perto de núcleos de poboación e que afecta tamén á riqueza natural da zona.
Na xuntanza desta fin de semana, na que estiveron presentes membros de Adega, a plataforma acordou presentar un recurso contencioso antes dos 30 de setembro e denunciar a Red Eléctrica Española por unha tala sen autorización.