Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
30 mil parados no sector

A construción destrúe emprego e segue precarizando os traballadores que mantén

Xornadas mínimas de dez horas e mesmo en días festivos no sector, denuncian os sindicatos, laiándose do descontrol e burlas mesmo nas obras públicas.

Redacción - 13:30 20/08/2009
Obras do TAV en Pazos de Bordén (Deza) / Flickr: FreeCat

Obras do TAV en Pazos de Bordén (Deza) / Flickr: FreeCat

O "mal exemplo" que dan as administracións é un dos factores que obstaculizan as campañas promovidas polas forzas sindicais para o cumprimento do convenio colectivo no sector da construción. Láianse desde a CIG de que a indiferenza das administracións fronte á necesidade de poñer orde no sector favorece os incumprimentos graves en materia laboral que están acontecendo no eido da construción.

As obras do auditorio de Beiramar en Vigo ou as da alta velocidade ferroviaria en todos os seus tramos son algúns dos exemplos máis evidentes destes incumprimentos, segundo expoñen. Na Inspección de Traballo están xa desde hai tempo as denuncias concretas por esixencia de traballar en días non laborábeis.

Prácticas que non varían mentres as administracións miran para outro lado
O conxunto do sector da construción tiña 18 mil parados en xullo de 2008 e, na mesma altura deste ano 2009, a estatística recollía xa 29.705 desempregados. De xeito paralelo, moitas empresas do sector seguen espremendo os traballadores que quedan no sector, con obrigas de traballo en festivos ou xornadas mínimas de dez horas. "Unha burla" que as administracións colaboran pouco en desartellar, quéixase a CIG.

De forma concreta, a Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) achegoulle á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) unha escolma de recomendacións específicas para a actuación dos gobernos locais ao respecto. Entre a media ducia de prioridades que suxiren: esixir que as empresas que accedan ás obras programadas polos Concellos non acudan a subcontratración; esixirlles a estas empresas que acrediten o cumprimento dos convenios e estean ao día coa Seguridade Social e con Facenda; vixiar que cumpran os requirimentos de estrutura preventiva, porcentaxe de traballadores fixos e outros criterios similares; prohibir a realización de horas extras; promover o uso de materia prima e materiais da zona como medida incentivadora do emprego noutros sectores.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: