O IV Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica é outorgado a Xusto Beramendi.
"O normal sería que todos participasen nos actos", recordou Xosé Luís Bóveda, fillo do histórico galeguista Alexandre Bóveda, indicando que os actos de lembranza celébranse desde 1942 e subliñando o convite a que desde todo o abano político se unan a esta celebración.
Nesa liña, Xoán Carlos Garrido, un dos voceiros da Fundación, salientou a que esta celebración rememora cun día concreto a Bóveda pero "por extensión, a todas as vítimas galegas da Guerra Civil e do franquismo". "Non remata de ser asumido institucionalmente", lamentou Garrido, indicando a vontade do colectivo de que a Xunta asuma esta xornada de xeito formal.
De forma paralela, destacou Garrido tamén o valor do acto no seu plano "familiar e cívico, pola perda dunha persoa", e á vez para o recordo do "Bóveda político", como persoeiro responsábel dunha contribución "decisiva" ao autogoberno de Galiza "e á propia existencia das institucións autonómicas".
Actos para o día 17
A Fundación Alexandre Bóveda e os concellos de Pontevedra e Poio compartirán o próximo luns 17, como todos os anos, os actos do Día dá Galiza Mártir.
A Fundación Alexandre Bóveda acordou recoñecer co IV premio “Día da Galiza Mártir” o labor do profesor Xusto Beramendi González a prol do coñecemento da nosa historia contemporánea "e moi especialmente pola recuperación e difusión de persoeiros represaliados polo franquismo e que estaban a ser silenciados ou deturpados como é o caso de Castelao ou Ramón Vilar Ponte".
Ás 18:30 celebrarase unha cerimonia de aniversario na honra de Alexandre Bóveda na capela de San Mauro. Xusto Beramendi González será tamén o encargado de realizar a ofrenda cívica que coa colaboración do Concello de Pontevedra terá lugar no cemiterio de San Mauro ás 19:00 h. Por último rematará a programación deste día co acto político que terá lugar na Praza de Curros Enríquez ás 20h30, coa intervención do Portavoz Nacional do BNG Guillerme Vázquez, e no que se realizará unha ofrenda floral diante do monumento a Alexandre Bóveda que se atopa nesa praza. Tamén foi presentado o sitio web Galizamartir.org dedicado a estes actos e no que se irá fornecendo de materiais sobre a realización en anos anteriores desta conmemoración así como diferentes recursos gráficos, documentais e audiovisuais para facilitar o coñecemento do que significa esta data. Tamén é nesta páxina onde se pode facer as reservas para o xantar de entrega do IV Premio Día da Galiza Mártir.