Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Valoración de Adega

O proxecto de lei eólica: porta aberta para agresións ambientais

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) considera que o marco lexislativo en proceso desmonta proteccións anteriores e volve aos criterios "da era Fraga".

Redacción - 12:45 14/08/2009

O cualificativo de "ambiental" para o canon que a Xunta anunciou para o sector eólico semella ser unha das escasas faragullas supostamente adicadas á protección do medio no marco legal que o Goberno prepara para o sector eólico. Mais "nin sequera" neste caso, segundo apuntan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), responde este canon a serios criterios ambientais. "Trátase máis ben dunha recadación coa que compensar a perda de ingresos que garantía o decreto anterior pola vía da participación pública", subliñan.

Os ecoloxistas peneiraron o articulado do proxecto de lei recentemente achegado pola Xunta para o sector eólico e chegan así á conclusión de que a derrogación do decreto non ten que ver con "ningunha preocupación ambiental". De feito, o texto revela a "ausencia de calquera sensibilidade ambiental".

Supresión das garantías ambientais anteriores
Segundo repasan desde o colectivo, desaparece a exclusión de aproveitamentos eólicos para as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, vixente desde o anterior decreto. Mesmo non se lle poñen cancelas á posíbel entrada dos muíños en Rede Natura e Parques Naturais, xa que o proxecto sinala que "o Plan Sectorial eólico de Galicia abarcará aquelas áreas nas que se estime, previo informe do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a existencia de recursos eólicos aproveitables e terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operan no sector”. Ademais, desaparece a obriga de que todos os proxectos de parques eólicos se sometan a avaliación de impacto ambiental e que conten con declaración de impacto ambiental favorábel. Deste xeito só os parques con máis de 50 aeroxeneradores (100 MW, é dicir, paradoxalmente sobre os que a Xunta de feito non ten competencias), ou máis de 10 cando estean en Rede Natura, necesitarán de avaliación de impacto ambiental.

Láianse desde Adega de que deste xeito suprímense as cautelas e garantías ambientais que de xeito pioneiro introducira o goberno anterior. "Por primeira vez ficaba excluída a Rede Natura, ou a Declaración de Impacto resultaba sempre vencellante", lembran, denunciando que estes avances son agora suprimidos. Desaparece ademais, nos criterios de valoración o de atención á "mellor relación entre produción enerxética e afección ambiental", substituído por unha referencia ao "o nivel tecnolóxico e eficiencia enerxética que conforman os parques eólicos". "Vóltase, xa que logo, á política eólica imperante era Fraga ben coñecida por todos os ecoloxistas e que Adega non pode nen quere esquecer: autorizacións ambientais de parques por toda a Rede Natura (Xistral, Suido, Brañas do Xestoso, Serra da Meda...) apesar de afectar a hábitats prioritarios escasos e únicos en Europa", quéixanse, recordando que asinantes daquelas declaracións volven a ter relevantes cargos no actual goberno do señor. Feijoo".


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: