Desta volta non se obrigará os media a outorgarlle igualdade de tempos ás posicións contrarias ao Tratado de Lisboa.
O próximo 2 de outubro os cidadáns irlandeses acudirán outra vez ás urnas para opinar sobre o Tratado de Lisboa, logo do punto de inflexión para o documento aberto despois do rexeitamento que, por maioría, lle adicaron en xuño de 2008.
Ao respecto, vense de coñecer a resolución da comisión audiovisual irlandesa (BCI), sobre o tratamento informativo das novas vencelladas a este proceso. No referendo do ano pasado, as emisoras públicas foran obrigadas a concederlle igual cobertura aos partidarios do "Si" e os que apoiaban o "Non". Desta volta, os media quedan eximidos desta obriga e poderán seguir o criterio que desexen á hora de repartir os tempos informativos. A BCI estabelece ademais que entre a mañá do día 1 de outubro e até que pechen as urnas o día 2, non poderá emitirse material directamente vencellado ao contido do Tratado de Lisboa ou as emendas asociadas. Con todo, as directrices feitas públicas non mencionan se isto lle afectará ás publicacións en internet.