Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA, NO SEGUNDO TRIMESTRE

Máis dun cento de empresas e persoas declaráronse insolventes

A meirande parte das compañías concursadas adicábanse como actividade principal á construción e ao comercio ao por maior.

Redacción - 11:00 05/08/2009

As familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagos e crebas) ascenderon a 106 durante o segundo trimestre do ano, o que supón un incremento do 47,2% respecto ao mesmo período de 2008.

Segundo a Estatística do Procedemento Concursal publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en total foron 102 as empresas e familias que se viron obrigadas a declarárense en concurso de acredores e o fixeron de xeito voluntario e noutras catro ocasións o concurso foi necesario. Ademais, o número de familias en concurso foi de 27 entre abril e xuño, mentres que as empresas concursadas sumaron 79 (66 Sociedades de Responsabilidade limitada; oito Sociedades Anónimas; e cinco persoas físicas).

Por provincias, Pontevedra rexistrou un total de 43 declaracións de suspensión de pagos ou creba, seguida pola Coruña (33) e Ourense (22). En Lugo, catro empresas e outras tantas familias pasaron por este procedemento.

No Estado Español

Galiza é a quinta comunidade co maior número de debedores. Superan a nosa cifra Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Andalucia, que encabezan o listado. Mentres, á cola sitúanse Ceuta e Melilla, A Rioxa ou Estremadura. No conxunto do Estado o número de empresas e persoas que se declararon en concurso de acredores acadou a cifra de 3.285 no primeiro semestre, o triplo que no mesmo período de 2008, logo de marcar un novo máximo entre abril e xuño.

Xa no segundo trimestre do ano, foron 315 o número de empresas e familias en concurso, é dicir, un 253,9% máis que no mesmo período de 2008.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: