Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DA CIG-ENSINO

Máis de medio milleiro de profesores interinos quedarán sen praza

A adxudicación provisional de destinos para Secundaria suporá un "recorte de profesionais" e un "empeoramento das súas condicións de traballo".

Redacción - 12:15 04/08/2009

Segundo denuncia a CIG-Ensino, a adxudicación provisional de destinos para o profesorado de Secundaria, que publicou Educación a pasada fin de semana, suporá a eliminación de máis de 550 prazas de mestres con varios anos de servizo. O sindicato alerta de que este reparto supón un "empeoramento na dotación do profesorado ao ensino público", ademais da consecuente perda de calidade do seu traballo.

Pola súa parte, a Consellaría de Educación xa adiantou que contarán con todo este profesorado que agora queda fóra das listas cando teñan que cubrir as baixas laborais que se poden producir ao longo do curso escolar.

Interinos e temporais
En concreto, na adxudicación non se asigna praza a ningún profesor interino nas especialidades de: Lingua Castelá, Matemáticas, Física e Química, Debuxo, Inglés, Educación Física e Lingua Galega, "o que fai un total de 368 profesores sen colocar. Ademais, outros 184 profesores temporais quedarían apartados do ensino ao colocarse unicamente entre un e dous en materias como Filosofía, Francés, Música e Historia. A isto engádese, que moitos funcionarios de carreira, que "deberían estar obtendo o seu primeiro destino definitivo", están sen vacante en distintas especialidades.

A CIG denuncia así unha situación que levará canda si "un incremento do número de horas a impartir por profesor, o número de afíns, a compartición de centros, ademais do "despedimento efectivo de persoas que viñeron traballando durante anos, ou o seu paso a realizar contratos de substitución sen garantías de traballar ao longo de todo o curso". En suma, este reparto conducirá a un "empeoramento das condicións de traballo, ademais de incrementar as listas do desemprego, e deteriorará a calidade do ensino público".

Incerteza e inestabilidade
Ademais, dende o sindicato estiman que este reparto agudizará a situación "que xa se produciu o ano pasado: funcionarios colocados a impartir materias que non eran da súa especialidade, asignación de destinos nos que o profesor ten que impartir ademais da súa, materias nas que non ten competencias". Denuncian que á Xunta "non lle importa que o profesorado quede sen traballo, aínda que sexa en detrimento da calidade do ensino".

Así as cousas, a CIG evidencia "a necesidade dun acordo de estabilidade", co que evitar "a situación de incerteza e de despedimentos masivos, máxime cando existe profesorado interino que non se pode presentar ás oposicións, habendo casos de interinos con máis de 10 anos de antigüidade".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: