A XI Volta Náutica a Galiza conta por sétimo ano consecutivo coa participación do veleiro adaptado á persoas con discapacidade, unha actividade da que xa gozaron unhas dúas mil persoas. Vídeo no interior.
Incautado ao narcotráfico polo xuíz Baltasar Garzón e posteriormente cedido en garda e custodia á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur), o Laión cumpre xa sete anos de ferramenta de integración social a través do deporte. A bordo deste veleiro adaptado, unhas dúas mil persoas con discapacidade coñeceron e gozaron das sensacións que se experimentan en alta mar.
Esta semana, esta embarcación empregada no Proxecto Gavea (Galiza Vela Adaptada) da Confederación de Persoas con Discapacidade (Cogami) participará na XI Volta Náutica a Galiza, logo de realizar os pasados días as travesías que unen Ribadeo con Ferrol. Este martes, a singradura terá lugar entre Ferrol e Sada e dará paso a unha seguinte etapa entre Sada e Laxe, xa o mércores.
Deporte náutico para todos
O veleiro Laión ten capacidade para nove pasaxeiros: dous tripulantes, cinco participantes con algunha discapacidade e dous voluntarios. Conta cunha serie de adaptacións para facer practicábel a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite o embarque e desembarque de persoas con problemas de mobilidade directamente do pantalán. Ademais, os controis da embarcación, electrónicos e demais dispositivos, atópanse centralizados na bañeira do barco, permitindo que calquera persoa con discapacidade o poida gobernar.
Ao longo destes anos o Laión xa participou en diversas probas, como a Volta Náutica a Galiza, a Xira Náutica Costa da Morte ou a Regata Infanta Elena, entre outras. Tamén tomou parte en diversos eventos internacionais como A Regata Inicial da Volvo Ocean Race, o Fórum Barcelona ou a XXXII America's Cup de Vela.