Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALOXAMENTO

Turismo rural: máis oferta que demanda

Cunha campaña que comeza a resentirse pola crise, os propietarios piden que se dea prioridade ás axudas para a mellora da calidade en troques de aumentar o número de estabelecementos.

Redacción - 09:30 04/08/2009

Calidade fronte á cantidade. Esta é a resposta que queren dar os empresarios galegos de turismo rural á crise. A conxuntura económica está a afectar a este sector que representa pouco menos que o 10% do PIB galego no seu conxunto e que ten no rural un dos seus maiores atractivos. Segundo nos explica Marisol Lorenzo, presidenta da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), esta campaña estase iniciando con sensíbeis diferencias con respecto a outros anos: "temos menos reservas para o mes de agosto e moita xente agarda até última hora", explica, "ademais, as estancias son moito menores, reducíndose de unha semana de media a dous ou tres días".

Así o confirman tamén as diferentes estatísticas: segundo o portal web Toprural, o nivel de ocupación do pasado mes de xullo foi menor que o rexistrado hai un ano, se ben aclara que a demanda e o interese por parte dos usuarios foi maior. Galiza foi a terceira comunidade do Estado cunha maior ocupación (47,5%), mais esta foi menor que no mesmo mes do ano anterior (53,9%). "Preguntan máis polo prezo, buscan máis ofertas, procuran paquetes máis baratos...", asegura Marisol Lorenzo, quen adianta que a especialización é un dos camiños para capear este temporal económico.

Camiño cara a competitividade
En Galiza hai actualmente máis de 560 casas rurais (6.870 prazas), a meirande parte delas na provincia de Pontevedra. A maioría dos seus usuarios proveñen do Estado Español, se ben cada vez máis é un destino turístico recoñecido tamén no estranxeiro. "Para as fins de semana temos máis visitantes galegos e españois", explica Lorenzo, "mentres, nas grandes estancias temos cada vez máis xente de fóra".

A introdución das liñas aéreas de baixo custe, xunto cunha crecente promoción do destino turístico galego no exterior, fixo que medrase a afluencia de turistas estranxeiros que, en ocasións, tamén optan polo turismo rural. Ingleses, alemáns e, en menor medida, franceses, son os que máis se achegan ás nosas aldeas buscando un tempo de descanso. Con todo, este fluxo non está a contrarrestar a crise que xa está a atravesar o sector.

Os empresarios do aloxamento rural entenden que o camiño ten que vir da man da especialización e da mellora da calidade. Dunha banda, é necesario ofrecer unha oferta máis ampla: "hai xente que só busca pasar un tempo de descanso, mais cada vez hai máis visitantes que queren ter outro tipo de opcións". Entre elas, hai que falar do ofrecemento de as actividades de aventura (equitación, rafting, canoa...); vencellando a viaxe ao coñecemento do patrimonio histórico e relixioso; ofrecer paquetes completos que inclúan outras actividades para o tempo de ocio; agroturismo... Nesta liña están xa a traballar dende Fegatur, que explotan o concepto dos xeodestinos: "queremos ofrecer opcións xeográficas diferentes das xa coñecidas Rías Baixas ou Santiago", explica Lorenzo, "así potenciamos outras áreas como a Costa da Morte, a Ribeira Sacra, ou outros nucleadas en torno a elementos de atractivo cultural ou patrimonial".

Logo duns anos nos que as axudas públicas para a apertura de novos negocios quedaran conxeladas, o goberno de Núñez Feijoo está a preparar dúas ordes para convocar novas subvencións. Segundo a Consellaría de Cultura e Turismo, estas axudas destinaríanse tanto á creación de actividades complementarias como para fomentar a apertura de novos estabelecementos, para o que se destinarían un totoal de 6,5 millóns de euros. Porén, cunha oferta de aloxamentos rurais que pode chegar a estar sobredimensionada, dende Fegatur (que representan a máis de 300 casas rurais do país), piden que se potencien as axudas á mellora da oferta no canto de aumentar o número de casas. Así llo trasladaron tamén á secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, con quen mantiveron unha xuntanza para afondar na situación e necesidades do sector.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: