"En Galiza non existe planificación para a promoción de solo industrial", di un informe. Descoordinación de infraestruturas e ineficacia de plans estratéxicos é outro problema.
En Galiza non existe planificación para a promoción de solo industrial, polo que se constrúe ao ritmo da demanda. "Noutros países isto non é así", sinalou esta cuarta feira Xoán Martínez Reboredo, do Grupo Vasco Galega (VGG), promotor do 'Informe Loxística 2009'. Reboredo citou Bélxica ou os Países Baixos como exemplo de lugares onde as administracións desenvolven "antes" de que exista demanda.
Xa que logo, Galiza vai enfrontar en breve un déficit de nove millóns de metros cadrados de solo industrial, especialmente nas áreas industriais de Vigo e A Coruña, segundo esta análise. A compañía cifra o aumento de solo previsto nuns 25 millóns de metros cadrados no período 2011-2012 malia que, segundo as previsións dos expertos, a demanda de solo chegará aos 33,6 millóns de metros cadrados até 2015. O director xeral de VGG, Juan Martínez, alertou de que, "nos próximos anos", en Galiza haberá un desfase entre oferta e necesidades de solo "duns "nove millóns de metros cadrados". Deste total, as áreas industriais de Vigo e A Coruña coparán o 42% das necesidades.
Potencial loxístico desaproveitado
O director de VGG defende que Galiza "dispón dun enorme potencial loxístico, pola súa situación xeoestratégica", pero advirte que "non está a aproveitalo ben". De feito, asegura que "a maior carencia" é "a falta de planificación e de interconexión" entre as distintas infraestruturas. O estudo sinala que a loxística "foi cobrando cada vez máis importancia" na actividade empresarial, posto que os gastos neste apartado pasaron do sexto ao terceiro lugar en empresas de bens de equipo. Neste contexto, sinala que a situación de novas empresas está "condicionada en boa medida" polas conexións. Cítase a proximidade de vías terrestres -- ferroviarias e rodoviarias-- de alta capacidade aos polígonos como "unha das características principais" que determinan a situación das empresas.
Ao respecto, o informe avisa de que Galiza "ten unha mesta rede de estradas" que é "pouco eficiente": O 37% do territorio está unha distancia superior a media hora no acceso a unha vía de alta capacidade. O mesmo acontece cos portos e aeroportos. Sobre estes últimos, lamentan desde VVG que se centren no transporte de pasaxeiros e non de mercadorías, que é "case testemuñal".
No caso dos portos, VGG ve "preocupante" que o seu tipo de tráfico non variara co fin de avanzar cara á "especialización" e aumentar así a súa competitividade. Ademais, para esta empresa, a "falta de coordinación" entre as autoridades portuarias "segue sendo a materia pendente que ralentiza o crecemento". De igual modo, evidencia "unha clara descoordinación" entre os plans estratéxicos das diferentes administracións que xestionan portos, aeroportos, estradas, ferrocarril e solo industrial, entre outros servizos. "E a coordinación é garantía de futuro", afirmou Reboredo.
Sen coordinación, máis deslocalización
Preguntado pola posibilidade de que a falta de solo industrial e a "mala conexión" entre as infraestruturas galegas favoreza a deslocalización de empresas, o presidente de VGG recordou que Galiza xa perdeu por exemplo a distribución dos produtos de fabricación chinesa en favor do porto de Valencia. Ademais, apoiou esta afirmación asegurando que "moitas empresas do sur de Galiza xa se foron para Portugal, porque o solo é máis barato e porque os custos de distribución son menores".
"A loxística non entende de fronteiras", resaltou Xoán Martínez Reboredo, quen apostou por que Galicia "lidere" as plataformas loxísticas de "Castela e León, Madrid... ". "Cada porto ten que loitar pola súa área de influencia", insistiu, ao tempo que considerou que "Ferrol e Vigo poden alcanzar zonas que tamén son apetitosas para Gijón, Santander ou Barcelona, que as están liderando". Neste punto, lamentou que Galiza non mostre "esa proactividade", que deriva nunha "perda de competitividade nos mercados". "Non vale o enfoque de alcance por institución", remarcou.