Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe do Consello Económico e Social

O CES di que 2008 foi "nefasto", o PSdeG ve "pago de favores" entre empresarios e PP

Os socialistas acusan a CEG e Xunta de tratar de contrarrestar os recentes datos das cámaras de comercio que destacan o maior crecemento de Galiza o ano pasado.

Redacción - 19:05 29/07/2009

Logo dun 2008 "nefasto e totalmente negativo" chegou un 2009 onde seica "amaina o temporal". Tal é a avaliación que achegou ao público esta cuarta feira o Consello Económico e Social (CES). Segundo o presidente deste organismo, Pablo Egerique, logo dun exercicio 2008 cunha vaga de datos negativos que, asegurou, demandaba das administracións o impulso de "medidas inmediatas" para crear emprego e evitar "desaxustes" no tecido empresarial.

Foi durante a presentación da Memoria 2008 do CES, onde Egerique lle quitou importancia a "algúns datos inicialmente positivos" nese ano, que chamou a analizar "na súa xusta medida e dentro dun marco negativo". Con todo, o representante do CES evitou realizar suxestións, remitíndose á condición "neutral" da institución. "Non é a nosa función, só o fariamos se nolo pedisen", xustificou.

Polo miúdo, o informe sinala o aumento do desemprego e a ralentización das altas de afiliación á Seguridade Social e da poboación ocupada, destacando que o sector primario, a industria e a construción sufriron o maior impacto neste ámbito. Ademais, advirte da caída no número de sociedades constituídas en Galiza por cada 10 mil habitantes e do incremento no número total de beneficiarios dalgún tipo de prestación económica, en boa medida, polo aumento de perceptores de prestacións por desemprego. Tamén se subliña que o noso país consolídase no último posto do Estado en canto ao importe medio das pensións contributivas. Por outro lado, chaman a controlar de xeito "máis eficiente" o gasto farmacéutico e avogan por reducir as listas de espera sanitarias. Tamén lamentan a "demora" nas obras do TAV e reclaman unha "aposta firme" polo sector da alta e media-alta tecnoloxía.

Os socialistas cheiran "conivencia" entre CES e PP
Para o PSdeG, as argumentacións realizadas este mércores polos voceiros do Consello Económico e Social estarían relacionadas coa publicación o día anterior dos datos das cámaras de comercio onde se salienta que a economía galega medrou máis que a española e que a europea durante 2008.

O deputado socialista Abel Losada contrapuxo ese balance de 2008 aos reproches do CES, e relacionou o acontecido coa denuncia exposta o pasado martes, cando xa acusara o PP de usar o Goberno para un "mutuo pago de favores" co empresariado. "Ninguén pode negar a evidencia de que os datos do PIB e do emprego durante o pasado ano foron claramente mellores que no resto do Estado", defendeu Losada ao fío das declaracións dos responsábeis do CES. Para os socialistas, o informe presentado aos medios este mércores por Pablo Egerique ten "clara intencionalidade política".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: