Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixas de Adicae

O secretismo e a falta de transparencia, lastre das caixas

O colectivo de usuarios de caixas de aforro considera que a fusión pode ser beneficiosa para o país, mais só se vai acompañada de cambios lexislativos.

Redacción - 10:15 29/07/2009

"Os dereitos dos clientes deben antepoñerse ás decisións e intereses políticos", expuxo este martes Manuel Pardo, presidente da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia (Adicae). O colectivo ten esta semana unha reunión coa directora xeral de Comercio, na que lle achegarán as súas preocupacións e, en particular, as relativas á actualidade sobre a posíbel fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

Segundo Adicae, esta fusión "podería resultar beneficiosa para os usuarios". Con todo, advirte o presidente do colectivo de que iso só acontecería se a unión fose precedida de "modificacións lexislativas". De forma concreta, a asociación solicita "o inmediato cambio" da Lei de Caixas de Galicia en relación "ás eleccións dos conselleiros" nestas entidades financeiras e "ao papel dos impositores nos seus órganos de goberno".

Escasa democracia interna
"Para alentar fusións ou reestruturacións", os usuarios "deben coñecer a situación das caixas galegas", subliñou o representante de Adicae. Ao fío, laiouse de que no contexto actual resulta "imposíbel" coñecer a realidade da situación interna destas entidades, debido ao "secretismo" e a "falta de transparencia" promovidas, quéixanse, polo Banco de España. Adicae denuncia así a "escasa democracia interna" e a "manipulación e ineficacia" da representación dos clientes destas entidades, posto que estas, ao seu entender, están "suxeitas a intereses políticos e empresariais".

Na opinión de Manuel Pardo, unha fusión sería beneficiosa para Galzia se a "grande caixa de aforro" resultante "tivese capacidade abonda para poder competir con outras grandes caixas doutros territorios xa fusionadas que traten de expandirse en Galiza". Pola contra, advertiu, "podería darse unha situación de monopolio" que prexudicaría aos consumidores e "diminuiría a competencia" das caixas no país.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: