Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Goberno fai balance

Foron "400 accións" en cen días, defende Núñez Feijoo

"Devolvéronse liberdades básicas aos cidadáns, como falar no idioma que prefiran", di o PP. O PSOE lamenta o retroceso de dereitos e o BNG cualifica o presidente de "mestre do escaqueo político".

Redacción - 14:00 28/07/2009

"Do dobre goberno que os cidadáns castigaron nas urnas pasamos agora a un goberno único". Así o afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen a continuación enxalzou este martes as "400 accións" que dixo ter levado a cabo o Goberno nos seus 100 primeiros días. Segundo o balance de Núñez Feijoo, a "principal deficiencia" foi a negociación do novo modelo de financiamento autonómico na que, laiouse, "non se alcanzaron os obxectivos" de Galiza.

En conferencia de prensa para facer balance destes 100 primeiros días á fronte do Executivo, o máximo mandatario sinalou que este período "non está pechado", senón que unicamente serve "como referencia", tanto para a oposición como para o Goberno, do traballo que se debe levar adiante "nos 1.300 días restantes". Comento ao respecto que as decisións "ás veces estarán acertadas e outras veces, equivocadas", e asegurou que "sempre" gobernará "para os cidadáns". "O traballo da Xunta está rexido polo compromiso cos galegos, que depositaron en nós a súa confianza", salientou, á vez que comprometeu a súa "eficacia, esforzo e lealdade".

"Vén unha etapa histórica", prognostica o PP
Tamén desde o propio Partido Popular aproveitaron este martes para facer balance dos cen días de Goberno, asegurando que este primeiro traxecto "fai aventurar unha etapa histórica para Galiza chea de boas noticias e na que o mellor está por chegar". Así o expresou o voceiro do PpdeG, Antonio Rodríguez Miranda, quen dixo estar seguro de que "as expectativas altísimas creadas arredor de Feijoo e do seu Goberno estanse cumprindo á perfección". "Devolveulle aos galegos a ilusión pola política con maiúsculas da man dunha rexeneración democrática que Galiza pedía a berros", insistiu.

Rodríguez Miranda referiuse entre outros temas á "reorientación do gasto público", asegurando que a Xunta recolocou 144 millóns de euros "que se ían desperdiciar co bipartito e que foron asignados a partidas de carácter social". Tamén especialmente felicitou a redución de altos cargos, afirmando que "os impostos dos galegos están para pagar servizos públicos e non os salarios dos políticos". Por último, opinou que queda pechada unha etapa onde "o Goberno mentía aos cidadáns" e salientou que "Feijoo devolveulles aos galegos liberdades básicas como a de falar no idioma que prefiran". "O novo presidente non esconderá a realidade aos galegos por moi grave que sexa", sentenciou Miranda.

O PSdeG lamenta o "retroceso de catro anos" en materia de liberdades
"Evidenciou a demagoxia coa que fixeron oposición e a demagoxia coa que pretenden gobernar, defendendo os intereses duns poucos por riba dos intereses xerais", peneirou a deputada socialistas Carme Gallego, ao respecto da avaliación destes cen días de goberno do PP. Doutra banda, Gallego laiouse de que o Executivo liderado por Feijoo teimase nunha "paralización de iniciativas e proxectos fundamentais para o país polo simple motivo de ter sido postos en marcha polo anterior goberno da Xunta".

Por este motivo, para os socialistas, o balance destes pouco máis de tres meses de Goberno é un "un retroceso de catro anos en materia de dereitos e liberdades" adquiridos co anterior. "Paralización, incumprimento e recorte de dereitos fundamentais", son algúns dos reproches citados por Carme Gallego este martes en conferencia de prensa. A deputada pontevedresa censurou o "debilitamento dos servizos públicos fundamentais" e o "desmantelamento das bases do sistema de benestar". "Cen días perdidos para o avance de Galiza", resumiu.

Expresión de "dereita pura e dura", quéixase o BNG
Tamén fixeron balance este martes da acción do Goberno desde o BNG, cualificando de "parálise, dúbida e ningunha solución" estes cen primeiros días de cambio na Xunta. "Presentáranse como apolíticos, pero é un goberno que actúa politicamente e na práctica son expresión da dereita pura e dura", comentou Guillerme Vázquez, voceiro nacional do Bloque.

"É un goberno que usou lixo para acceder á Xunta e seguiuna usando estes cen días para menterse nela", criticou Guillerme Vázquez. "Tiñan unha présa desaforada por chegar, coa excusa de tropecentas mil medidas que agora se reducen a que o presidente di que ten que reflexionar antes de poñelas en marcha", ironizou Vázquez. O voceiro nacional do Bloque laiouse de que no medio dunha dobre crise "política e económica" no país, o equipo de Feijoo "non ten solucións para ningunha delas". Vázquez denunciou así a "ausencia de acción de goberno" que, censurou, os populares estarían substituíndo "por propaganda".


1,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: