Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Tecnoloxía

O MIT presenta o seu substituto dos códigos de barras

Os "bokodes" poden gardar miles de veces máis información en tres milímetros de diámetro e lérense a distancia cunha cámara de móbil.

Redacción - 19:04 27/07/2009

O Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, o coñecido MIT, desenvolveu un novo sistema que pretende substituír os habituais códigos de barras brancas e negras. Os denominados "bokodes" poden gardar miles de veces máis información, pódeos ler unha cámara de móbil e miden só tres milímetros de diámetro.

A innovación presentarase a vindeira semana na conferencia internacional Siggraph, en Nova Orleáns. Un dos responsábeis do proxecto, Ankit Mohan, explicoulle á BBC que esta tecnoloxía "dará lugar a un novo xeito de etiquetar". Os bokodes consisten nun LED cunha pequena cuberta e unha lente. A información está codificada na luz que atravesa a cuberta, que varía segundo o ángulo de visión.

Segundo os seus creadores, os bokodes teñen moitas vantaxes sobre os códigos de barras de toda a vida: son máis pequenos, pódense ler dende distintos ángulos e a unha distancia de até catro metros ou mesmo 20, fronte aos 30 centímetros dos códigos tradicionais. Aínda que o seu primeiro uso será o de controlar as características dun obxecto nas fábricas, tamén se podería empregar en supermercados, onde os produtos poidan ser "interrogados" polo móbil do comprador e leven información dietética ou ofertas. Tamén permitirá comparar moitos produtos diferentes en pouco tempo. Ou nunha biblioteca: "Só terías que sacar unha foto e saberías inmediatamente onde está o libro que buscas, de entre miles", asegura Mohan.

O equipo segue a especular sobre posíbeis aplicacións do seu invento, como usalos en sistemas de captura de movementos para facer videoxogos ou filmes, ou aumentar a información incorporada no Google Streetview. O principal problema é que fabricar cada etiquetiña custa catro euros, porque os primeiros prototipos precisan dunha lente e dun LED con enerxía. Nun futuro confían en que a tecnoloxía mellore e se poidan fabricar etiquetas con material reflector. Custarían catro céntimos.

Outras tentativas
Non é a primeira vez que se tentan mellorar os códigos de barras. Por exemplo, en 2007, Microsoft creou o seu código de barras de alta capacidade. Tamén a tecnoloxía RFID (identificación por radiofrecuencia) pretende xubilar as barras, pero polo momento non acadou demasiada popularidade.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: