O goberno español aprobou incluír a provincia nun proxecto experimental de escrutinio por vía electrónica.
Esquema dun lector de códigos de barras
O Ministerio do Interior publicou no BOE a orde que regula a introdución experimental de novas papeletas electorais en Pontevedra, xunto a Lleida e Salamanca, de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo. As persoas que residan na demarcación pontevedresa poderán escoller, o próximo 7 de xuño, entre candidaturas que contarán cun código de barras que facilitará o escrutinio.
As mesas electorais dispoñerán do material informático axeitado e mesmo poderán imprimir novas papeletas no caso de que se esgoten. Tamén efectuarán a lectura óptica dos sufraxios no momento do escrutinio.
Os códigos de barras, impresos xusto debaixo do nome da candidatura, representarán dúas cifras: unha de identificación do proceso electoral e outra da formación política. O sistema poderase volver empregar en futuros comicios, que terán diferentes códigos.