Con respecto aos tres primeiros meses do ano, o desemprego incrementou un 4,75%, situando a cifra de parados en 170.400 persoas. A suba foi máis sensíbel que no Estado Español.
O número de parados en Galiza é de 170.400 persoas; no Estado español xa supera os 4,1 millóns
O número de persoas desempregadas en Galiza no segundo trimestre do ano aumentou en 7.700 persoas, (o 4,75% en relación ao trimestre anterior) de xeito que as oficinas do Servizo Galego de Colocación rexistraron un descenso do número de ocupados dos máis elevados de todo o Estado, logo de Andalucía, Cataluña e a Comunitat Valenciana. Así, o número total de desempregados sitúase nas 170.400 persoas, co que a taxa de paro acadou o 12,9% da poboación activa. Así se desprende dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo INE.
O desemprego moderou así o seu crecemento, que foi de 0,7 décimas con respecto ao trimestre anterior, cando a taxa de paro se situaba no 12,2%. Ademais, nos últimos doce meses, Galiza rexistrou 61.300 desempregados máis, unha cifra que representa un aumento do 56,14% respecto ao segundo trimestre do ano pasado. Doutra banda, os galegos atopámonos entre as comunidades que rexistran os descensos máis acusados no número de activos, con 13.400, logo de Cataluña (61.400).
En Galiza, sobe máis que no Estado
Se comparamos estes datos cos do Estado Español, o paro medrou máis en Galiza que no resto do Estado. Se a suba do desemprego entre os galegos foi do 4,75%, no caso español situouse no 3,1% en relación ao trimestre anterior. O número total de parados no Estado sitúase en 4.137.500 persoas e a taxa repuntou cinco décimas, até o 17,92%, acadando o seu valor máis alto en 11 anos.
Ademais, o número total de desempregados é o máis elevado de toda a serie comparábel, que arrinca no terceiro trimestre de 1976, é dicir, dende hai 33 anos.