O Consello de Goberno xa aprobara en 2007 reclamar o decreto de concesión de autorizacións ao entender que invadía competencias.
O Consello da Xunta acordou esta quinta feira interpor un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do Goberno español que aproba o estudo das zonas do litoral máis propicias para a instalación de parques eólicos mariños.
O mapa estatal baséase legalmente no decreto de 2007 que estabelece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de xeración eléctrica no mar. Porén, ese mesmo ano a Xunta xa o recorrera ao entender que vulnera competencias propias.
Tamén, o Senado aprobou en setembro de 2007 unha iniciativa do BNG na que se instaba o goberno español a respectar as competencias da Xunta en enerxía eólica.
A decisión do Consello de Goberno coincide co criterio do Parlamento, que rexeitou por unanimidade que este tipo de infraestruturas se instalen nas costas do país. Asociacións como Greenpeace avogan por elas, mais expertos ambientais galegos poñen en dúbida a súa viabilidade.