O conselleiro Agustín Hernández dixo que "o lóxico" sería que a concesionaria da principal autoestrada tomase "as medidas necesarias".
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou que lle pedirá a Audasa que resolva os "problemas" de tráfico que se producen nalgunhas das peaxes da AP-9 e, deste xeito, evitar as "retencións" que se dan noutras vías, como a AG-57 Puxeiros-Baiona ou a AG-55 Carballo-A Coruña.
Deste xeito, Hernández saíu ao paso das preguntas que se lle formularon sobre os atoamentos que se rexistraron este domingo na Autovía do Salnés (AG-41) e que achacou ás altas temperaturas e ao desprazamento masivo ás praias. Non obstante, o conselleiro recoñeceu que "haberá máis días así" e subliñou que "o lóxico" é que a concesionaria da AP-9 tome "as medidas necesarias" para evitar as retencións.
Hernández tamén valorou a "importancia" do acordo institucional en materia de infraestruturas que asinarán esta terza feira o presidente da Xunta e mais o ministro de Fomento. O acordo recollerá as datas e os orzamentos de todos os tramos do TAV coa Meseta, que estarán licitados e adxudicados antes do remate de 2010. Porén, o conselleiro non quixo dar detalles sobre o documento antes de que se lles presente aos grupos parlamentarios.