A interprofesional do sector lácteo debaterá sobre a fixación dun prezo mínimo do leite, que se situaría en 31 céntimos. O preacordo non satisfai a todos os sindicatos.
Os tractores continúan aparcados no Mercado de Amio (Santiago) agardando pola decisión da Inlac
Será este luns en Madrid. A interprofesional do sector lácteo (Inlac) decidirá se lle dá o visto bo ou non ao preacordo acadado a pasada semana de estabelecer un prezo mínimo de 31 céntimos para o leite. Así, nunha xuntanza na que tamén tomarán parte representantes da distribución e do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) tomarase unha decisión sobre a xeneralización dun sistema de contratos homologados.
Mentres, unha boa parte dos gandeiros galegos agardan a decisión cos seus tractores aparcados no compostelán Mercado de Amio. A semana branca en exixencia de medidas urxentes que paliasen a crise do sector pechouse a pasada semana mais, como medida de presión, en Santiago máis dun milleiro de vehículos agrícolas mantéñense de garda.
Liñas do principio de acordo
Nas conversas mantidas a pasada semana entre os principais protagonistas do mercado do leite falouse do estabelecemento dun método aceptado por todas as partes para fixar os prezos en orixe. A cotización da que se falou foi de 31 céntimos, unha cifra que resulta dunha indexación que ten en conta a media anual dos prezos aplicados noutros países europeos.
Ademais, o Ministerio comprometeríase a intensificar os controis de calidade do leite e a loita contra o fraude, en prácticas como a venda de produto foráneo como se fose galego. Asemade, acelerará a entrada en vigor dun real decreto que estabelece un sistema de trazabalidade para os produtos lácteos. Pola súa parte, o sector da distribución aumiría o compromiso de sinalar de forma destacada nos estabelecementos e áreas comerciais cales son os produtos de orixe española.
Os sindicatos agardan coñecer os detalles
Cun principio de acordo do que aínda non se coñecen máis que as liñas xerais, os sindicatos agrarios amosaron posturas diferentes.
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire, asegurou que non aceptarán estas medidas porque "se está a falar de fixar como prezo mínimo de referencia o francés, o que non cobre os nosos custes de produción". Freire explica que a cotización que exixen é aquela que se corresponda cos gastos que ten que afrontar unha explotación, unha cifra que segundo o Observatorio de Prezos do Sector Leiteiro se sitúa en 0,34 céntimos no presente ano.
Pola súa parte, o Comité Sectorial de Leite de Unións Agrarias (UUAA) aprobou, por unanimidade, o documento do preacordo presentado a pasada semana polo ministerio, se ben aclara que exixirá "que se concrete como se van a implementar as medidas que contempla". Así, piden que "non quede ningún marxe de ambigüidade no estabelecemento dun modelo de referenciación do prezo do leite en orixe" e insisten en que a prioridade é "definir as características deste modelo de fixación en lugar de caer nun baile de cifras que non conduce a ningunha parte que non sexa confundir aos gandeiros nin caer en exixencias sobre prezos mínimos que, por lei, non se poden fixar".
Finalmente, Xóvenes Agricultores (XXAA) recoñece que o preacordo "non é o mellor, mais é o acordo posíbel". Así se manifestou o seu secretario xeral, Francisco Bello, quen subliñou que se trata dun "pacto histórico e moi positivo", especialmente polas formas nas que se levou a cabo, xa que "tanto a distribución como a Administración estiveron sentadas na mesma mesa para dialogar". Así, recordou que "31 céntimos por litro de leite é sete céntimos máis do que se viña cobrando de media até agora", polo que estimou que un consenso deste tipo permitiría que "as explotacións poidan ir recuperándose pouco a pouco desta crise".