Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PÉCHASE A SEMANA BRANCA

Dous milleiros de tractores en Lugo e leite de balde en Santiago

Os vehículos agrícolas continuarán até o luns en Compostela para manter a presión á espera de que se asine o preacordo que garanta un prezo mínimo.

Redacción - 17:29 17/07/2009

A semana branca convocada polos gandeiros para exixir solucións para a crise do sector leiteiro chegou este venres á súa fin. O protagonismo pola mañá tívoo Lugo, onde outra vez dous milleiros de tractores levaron a súa protesta ás rúas da cidade. Por terceiro día nesta semana, os vehículos agrícolas causaron importantes retencións na Ronda da Muralla, até onde chegaron procedentes da explanada do Palomar. Logo de darlle unha volta ao monumento romano, cada tractor partiu xa cara a seu lugar de orixe, dando por concluídas as mobilizacións desta semana.

Ao remate da protesta, os líderes sindicais felicitáronse polo histórico destas xornadas, tanto pola cantidade de tractores que participaron, como pola implicación de todos os gandeiros, como pola solidariedade expresada pola cidadanía. "A cidade de Lugo comparte esta loita", dixo Lupe Prado, voceira do Sindicato Labrego Galego (SLG). Na mesma liña se manifestou Roberto García, de Unións Agrarias (UUAA), quen subliñou a unión de todos os produtores. Ademais, Xan Pérez Orozco, de Xóvenes Agricultores (XXAA), recordou que "non hai futuro no medio rural galego sen explotacións lácteas", polo que exixiu que se referende o vindeiro luns o preacordo acadado o pasado mércores en Madrid.

En Santiago, os tractores velarán pola sinatura
Na capital galega, os gandeiros decidiron en asemblea que manterán os seus tractores no Mercado de Amio até o luns, precisamente para exercer presión para que se asine ese protocolo que garanta un prezo mínimo para o leite. Todos os responsábeis sindicais subliñaron que, de momento, non hai nada asinado, polo que non marcharán de Santiago até que teñan algunha garantía de que poderán sobrevivir a esta crise.

Xa pola tarde, os tres sindicatos e Gandeiros Unidos repartiron leite de balde en dous puntos do centro da cidade, a Praza Roxa e Porta Faxeira. Deste xeito quixeron explicarlle aos cidadáns cal é a súa demanda, canto lles costa producir cada litro de leite e, ao tempo, agradecer o importante apoio e solidariedade que recibiron estes días por parte da cidadanía.

Balance da Semana en Branco
A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, cualificou estes días como "un paso adiante" porque "obrigamos ao ministerio a falar do prezo". Pola súa parte, Xabier Iglesias, de Unións Agrarias recordou que non houbera en Galiza unha mobilización tan representativa dende os anos 98-99, "o que pon de manifesto que a situación do sector é extremadamente grave". Finalmente, Francisco Bello, de Xóvenes Agricultores ratificou que "até que se chegue a un acordo sobre o prezo do leite, as tropas estarán alerta, por se hai algún tipo de problema" .

           Un milleiro de gandeiros maniféstanse ante a Eurocámara          Uns dous mil tractores colapsan o centro de Lugo por segunda vez esta semana


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



No Mercado de Amio, os gandeiros decidiron en asemblea manter os tractores aparcados até o luns
No Mercado de Amio, os gandeiros decidiron en asemblea manter os tractores aparcados até o luns
A exixencia é que que se asine un acordo que garanta un prezo digno para o litro de leite / Imaxes: SLG
A exixencia é que que se asine un acordo que garanta un prezo digno para o litro de leite / Imaxes: SLG
En Lugo, botáronse a rúa este venres outros dous mil tractores
En Lugo, botáronse a rúa este venres outros dous mil tractores