O presidente da Xunta participou nun acto de promoción do Centro de Transfusións, onde tamén doaron varios deportistas.
Pilar Farjas e Núñez Feijoo, no momento da doazón / Ana Varela
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, desprazouse este mércores ao Centro de Transfusión de Galicia para doar sangue e concienciar sobre a escasez deste elemento. Segundo alertou, nos hospitais do país son precisas unhas 500 doazóns diarias.
Feijoo lembrou que calquera persoa "sa" pode doar periodicamente "sen poñer en perigo á súa saúde" e que é "necesario facer unha parada no camiño e ser solidarios" para "salvar vidas". Ademais, defendeu a doazón de órganos.
O presidente, seguido por numerosos medios de comunicación, pendentes por se sufría algún mareo, amosouse tranquilo e mesmo recorreu a brincadeiras para rebaixar a tensión, como falar de "até a última pinga", en referencia ao financiamento das comunicades autónomos, e rematou cun sorprendido "Que capacidade de bombeo!" cando remataron de lle extraer o sangue.
Tamén acudiron a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, xunto aos deportistas Iván Raña, Borja Golán e Estefanía Hernández. Esta última non puido doar, por ter viaxado recentemente a un país tropical.