Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os traballadores critican "a improvisación"

"Descoordinación" no Centro de Transfusión ao tempo que falta sangue nos hospitais

Desde a CIG consideran que as políticas de persoal nesta fundación pública repercuten negativamente no funcionamento do servizo de transfusións.

Redacción - 13:35 08/02/2008
Sede en Santiago do Centro de Transfusión de Galicia, dependente da Consellería da Sanidade

Sede en Santiago do Centro de Transfusión de Galicia, dependente da Consellería da Sanidade

En 2007 houbo 2.847 doazóns menos que no ano 2006, números que fixeron reforzar a solicitude desde o Centro de Transfusión de Galicia, despois de que nas últimas semanas centros hospitalarios coma o propio Complexo Hospitalario Universitario de Santiago tivesen que adiar intervencións cirúrxicas debido á falta de sangue.

"O que non di a empresa é a nefasta política de persoal que se desenvolve no CTG, que non difire de políticas de persoal de épocas pasadas", láianse desde a CIG-Saúde. Entre outros, María Xosé Abuín, da executiva do sindicato, refírese á falta de coordinación entre os servizos de Promoción e Doazón, á indiferenza fronte ás incidencias das que avisa o persoal facultativo e as suxestión para as melloras de organización do traballo ou á falta de cobertura das ausencias de persoal en excedencia ou con permisos.

Abuín denuncia tamén as modificacións continuas das condicións de traballo do persoal, obrigando a facer quendas en todo o país independentemente do lugar de residencia mentres paradoxalmente unha enfermeira "con vinculación familiar" co responsábel do Centro mantense en Santiago "aínda que o seu destino é en Vigo".

Piden un "cambio de xestión"
Os traballadores subliñan que non se negan a dar resposta ante calquera alerta de falta de sangue que requira a modificación das condicións de traballo pero sinalan que esas modificacións deberan ser "realmente por alerta e non pola mala xestión do centro". Ao respecto, insisten en que se remate coa "improvisación" e solicitan "un cambio inmediato da xestión desta fundación , para que redunde de inmediato na mellora dun servizo público tan importante no sistema sanitario".

Preguntados ao respecto das denuncias dos traballadores, desde o Centro de Transfusión de Galicia defenden que o funcionamento da entidade debe axustarse "en función das necesidades" e sinalan que a taxa de doazóns se mantén relativamente estábel nos últimos anos e que o descenso recente no número de doazóns é "xeneralizado" e prodúcese "en toda Europa".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: