Convocados pola European Milk Board e a Coordinadora Europea Vía Campesiña, onde está integrado o Sindicato Labrego.
Imaxe dunha protesta anterior
Gandeiros de toda Europa, convocados pola European Milk Board (EMB) e a Coordinadora Europea Vía Campesiña -onde está integrado o Sindicato Labrego (SLG)-, concentraranse este martes fronte á sede do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, para reclamar un paquete de medidas que solucione a "grave" crise de prezos que atravesa o sector leiteiro.
Está prevista a participación de milleiros de gandeiros, que coincidindo coa inauguración da lexislatura lles farán chegar aos europarlamentarios as súas propostas para saíren da crise e configurar unha nova política leiteira na UE.
Entre as principais reivindicacións, figuran reducir a produción láctea europea e introducir un control público da produción que adapte a oferta á demanda, para o que "é imprescindíbel" o mantemento do sistema de cotas máis alá de 2015.
Garantir unha renda suficiente a todos os produtores de leite, suprimir as axudas á exportación, promover unha produción leiteira máis extensiva e desenvolver unha nova política láctea dentro da reforma da Política Agraria Común (PAC) prevista para 2013, son outras das demandas do sector.