Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reportaxe

'Time': Vigo reflicte as “esperanzas rotas dunha xeración”

A revista estadounidense analiza os devastadores efectos da crise en Europa, centrándose na cidade olívica e contando a historia de varios mozos.

Redacción - 09:45 11/07/2009
Retrato de Lorena Domínguez, que ilustra esta reportaxe da revista 'Time'

Retrato de Lorena Domínguez, que ilustra esta reportaxe da revista 'Time'

Co titular The Broken Hopes of a Spanish Generation (As esperanzas rotas dunha xeración española), a revista estadounidense Time publica unha reportaxe sobre os efectos da crise económica no Estado Español, un dos máis castigados do continente europeo, sinalan.

Porén, é de destacar que esta reportaxe está centrada na cidade de Vigo, e nas mudanzas producidas no seu tecido social e económico nas últimas décadas. De feito, o texto comeza cunhas declaracións de Lorena Domínguez, ex traballadora de Citroën de 23 anos, quen perdeu o seu traballo nun dos primeiros recortes de persoal que fixo a planta viguesa de multinacional automobilística francesa. Domínguez conta como mudou a súa situación en poucos meses, quedando sen vacacións e dependendo de seus pais -nai dona de casa, e pai mariñeiro de altura-, para pagar a hipoteca dun apartamento que non consegue vender, a pesar de baixarlle o prezo xa varias veces. As saídas nocturnas pola cidade tamén terminaron.

A "Xeración Decepción"
A seguir a xornalista Lisa Abend, -quen asinou esta reportaxe, após viaxar a Vigo-, dedica unhas liñas a analizar unha xeración, a de Lorena Domínguez, que "sempre pensou que o había facer todo mellor que seus pais". Chámaa "Xeración Decepción", nacida no Estado Español a finais dos 70 e comezos dos 80, cando aínda non esmorecera de todo a ditadura franquista. Subliñando que non hai en Europa outro Estado tan castigado como o Español (recolle algúns datos, como a taxa de desemprego do 17%, e o feito de que unha de cada tres persoas menores de 25 anos están no paro), recalca que a xeración desta viguesa está moi pouco preparada para vivir unha situación económica que a supera, "xa que coñeceu dúas décadas de forte crecemento económico e a optimista hipótese de que habían ser mellores que os seus pais", igual que fixeron estes "coa xeración anterior".

Despois de pasar por varios datos económicos que non fan máis que constatar cal é a situación que se vive no Estado Español, fai un percorrido polo tecido social da cidade de Vigo, (unha cidade "orgullosa de ser obreira"), para ter "unha idea dos cambios que se produciron neste tempo". "Mesmo aquí", conta, "no porto, nas fábricas", as últimas décadas "trouxeron unha prosperidade sen precedentes" que agora está notando os efectos da crise.

Na reportaxe tamén se recollen os testemuños do dono dunha tenda de tatuaxes e o dunha empregada dunha tenda de roupa.


Ligazóns

5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: