O seu portavoz parlamentario di que transformarán as peticións do Concello de Compostela en iniciativas na Cámara.
O Grupo Parlamentario do PSdeG e o alcalde do Concello de Compostela, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, reclamáronlle esta quinta feira á Xunta que plasme nun "protocolo", como o documento asinado "para o AVE", o compromiso de que a Cidade da Cultura estea lista en 2015.
O portavoz do grupo, Xaquín Fernández Leiceaga, afirmou logo dunha xuntanza co mandatario compostelán que esta reclamación será trasladada ao Parlamento a través de iniciativas, ao igual que outras que afectan a capital do país, mais dende un punto de vista nacional.
Pola súa banda, Sánchez Bugallo sinalou que o prazo de 2012 para a Cidade da Cultura, ao igual que o do TAV á Meseta (previsto para 2015), "non é críbel", polo que exixiu prazos "realistas" e non deixalo nun "xa se verá".
Ambos os dous dirixentes socialistas fixeron fincapé na necesidade de concluír e acondicionar os accesos por estrada a Compostela para o Xacobeo 2010, especialmente o enlace da AP-9 co Gaiás.