Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CRÓNICA DUN CAMIÑO TORTO

Cando os fonemas se transforman en metralla

O Goberno prepara a abolición do decreto de galeguización. Repasamos as claves de dous anos e medio de interesada “guerra lingüística”.

R.Vilar - 07:30 13/07/2009

O bipartito chegou a San Caetano en 2005 cun compromiso: darlle máis presenza ao galego no ensino non universitario. Dende moitos anos atrás, numerosos estudos sociolingüísticos revelaban que a escola en Galiza non era, nin moito menos, un elemento galeguizador. Case un cuarto de século despois de aprobarse o Estatuto, a lingua propia, a pesar de gozar por vez primeira de certa protección legal, non facía máis que perder falantes, especialmente entre as novas xeracións.

En decembro de 2006 Vieiros publicaba en exclusiva o primeiro borrador de decreto de galeguización que propoñía a Consellaría de Educación. O texto era moi ambicioso, sobre todo se o comparamos cos termos actuais de debate. A proposta inicial contemplaba que se impartise na lingua do país, de xeito obrigado, entre o 56 e o 68% das materias (dependendo do nivel educativo).

A partir dese borrador comezaron unhas duras negociacións a tres bandas. Dun lado o PPdeG pedindo que se mantivese o modelo Fraga (que estabelecía como obrigado un terzo das materias en galego) e do outro o BNG, que demandaba unha forte aposta pola galeguización. No medio, o PSdeG, intentado xogar un interesado papel de árbitro.

Nin o modelo balear servía
Finalmente, e diante da oposición frontal dos conservadores, o bipartito acordou botar para adiante un decreto que, sendo moito máis favorábel para o galego ca o anterior, tamén lle deixaba unha pequena porta aberta ao PPdeG. A nova normativa fixaba que, como mínimo, se impartise no idioma do país a metade do horario lectivo. O decreto gardaba certas semellanzas co balear aprobado polo propio PP en 1997.

Mais dentro do PPdeG xa había voces que non estaban dispostas a ceder un milímetro a prol da normalización do idioma autóctono. Os conservadores, logo dun debate interno que apenas trascendeu á opinión pública, rexeitaron aprobar o decreto. Dende ese momento, o PPdeG comezou unha campaña, cada vez máis subida de ton. A estratexia, que coincidía con outras de carácter estatal, era clara: o bipartito quería importar modelos lingüisticos alleos de “imposición”.

Causa de fe

Moi ao pesar dalgúns sectores do PPdeG, a lingua converteuse nunha arma branca na precampaña electoral. Os novos protagonistas da dereita galega, especialmente a máis urbanita, fixeron causa de fe. A “dama de ferro” do PP vigués, Corina Porro, mandou un aviso a navegantes (tanto a adversarios como a propios) seis semanas antes dos comicios: “Se non se derroga o decreto de galeguización do ensino, eu marcho”.

Catro meses despois do 1 de marzo o PPdeG ten a maioría absoluta e  prepara un novo decreto que quere ter listo a finais de ano. Dentro das filas conservadoras o posicionamento non é tan unánime como poidera semellar cara fóra, aínda que case ninguén se atreve a enfrontarse aos sectores máis próximos a Galicia Bilingüe, que propugna a “libre elección” de materias, a segregación de alumnos por razón de idioma e a quen xa nin lle serve o modelo Fraga.

Coa boca pequena, son moitos os cargos do PPdeG que recoñecen que as enquisas aos pais foi o maior erro que cometeu polo de agora o Goberno. Na propia Consellaría de Educación buscan a fórmula para saír dun labirinto no que o PPdeG teima en perderse dende hai máis de dous anos e medio. Mentres a lingua serve de metralla, os datos sociolingüísticos seguen confirmando que ao galego achícanselle os espazos.


4,84/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O conselleiro de Educación Xesús Vázquez coa súa antecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón
O conselleiro de Educación Xesús Vázquez coa súa antecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón
Detalle da manifestación a prol da normalización da lingua no ensino celebrada o  Día das Letras
Detalle da manifestación a prol da normalización da lingua no ensino celebrada o Día das Letras