A senadora e presidenta do PP vigués mostrouse segura de que o seu partido vai mudar radicalmente a política lingüística.
Corina Porro, presidenta do PP de Vigo
Ou o decreto de galeguización do ensino ou eu. Iso é o que dixo a presidenta do PP vigués Corina Porro. Nunha conferencia celebrada na cidade olívica mostrouse segura de que se os conservadores volven á Xunta van rematar coa política lingüística do bipartito. O obxectivo prioritario é derrogar o decreto de galeguización aprobado en 2007, que obriga a que un 50% das materias se impartan na lingua do país. A ex rexedora mostrouse tan convencida dos plans do seu partido que chegou a dicir publicamente que se o PPdeG non cumpre a súa palabra ela abandonará a política.
Porro lembrou que os compromisos do PPdeG son garantir que os pais poidan escoller a lingua de escolarización dos seus fillos. Ademais, mostrouse en desacordo con que a totalidade das materias troncais sexan en galego.
O voceiro do PP no Senado, Pío García Escudero, dixo na mesma conferencia que a convivencia entre o galego e o castelán está rota, cando antes se daba con “normalidade”. Segundo Escudero, o “conflito” existe debido aos “intereses do BNG”. Por se iso non fose pouco, o senador español considera que no noso país houbo nos últimos catro anos “unha inmersión moi rápida”.