Antes de marchar de vacacións, o Goberno decidirá se subvenciona os cinco centros do Opus Dei que prohiben a educación mixta.
Os cinco centros do Opus Dei radicados en Galiza que apostan por unha educación diferenciada para nenos e nenas están á espera do seu particular “agosto”. E é que a Consellaría de Educación, en primeira instancia, e inmediatamente despois o Consello da Xunta van decidir se lle manteñen a subvención a estes colexios que apostan pola segregación.
En xogo están perto de tres millóns de euros de fondos públicos. Até o de agora, o conselleiro de Educación limitouse a dicir que non hai unha decisión tomada. Porén, todo apunta a que finalmente volva haber concerto. Dende a consellaría sinalan que están á espera dun informe dos avogados do departamento que, aínda sen ter carácter vinculante, vai ser tido en conta.
Dentro do PPdeG, tal e como xa lle tiña explicado hai un ano López Besteiro a Vieiros, apostan por manter as axudas a estes centros. A que fora conselleira de Educación con Fraga sinalaba que, aínda que prefería os modelos mixtos, había que “respectar” outras formas de ensino.
Decisión antes de ir de vacacións
O Goberno vai dar a coñecer a súa decisión pouco antes de marchar de vacións, nun Consello da Xunta a celebrar na última semana deste mes ou na primeira de agosto. Dende Educación consideran, a falta das conclusións xurídicas, que non hai razóns que impidan os concertos.
A polémica pode xurdir porque en xaneiro deste ano a Consellaría de Educación, dirixida daquela pola socialista Laura Piñón, publicou unha nova orde para os concertos na que, en teoría, se impedía que os centros que separasen nenos e nenas poidesen ter axudas públicas. Porén, o Goberno actual podería atender as alegacións presentadas polos cinco colexios do Opus.
Unha denuncia que atendeu o propio Touriño
En xuño de 2008 Vieiros denunciaba que o bipartito subvencionaba colexios de Vigo e A Coruña que prohibían modelos mixtos de educación. A pesar de que outra comunidades do Estado Español, como Castela e León, xa retiraran os concertos, a Xunta non se atrevía a meter man.
Aínda que dende Educación prometían estudar a posibilidade de retirar os concertos, o certo é que ese mesmo curso os centros volven recibir os fondos públicos. Partidos políticos (PSdG e BNG) e sindicatos cuestionan as subvencións. A polémica obriga a que o propio Touriño teña que saír á palestra para censurar as axudas. Tres meses depois a consellaría publica unha nova orde para rematar cos concertos.