Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Centro de Estudios pola Paz

O exército español custa 51 millóns de euros ao día

O goberno adica máis de 9.700 millóns de euros anuais a gasto militar e ingresa case 1.000 millóns da exportación de armamento.

Redacción - 12:00 07/07/2009

Cada cidadán do Estado Español contribúe ao gasto militar con 408 euros anuais, é dicir, un total de 50,9 millóns de euros diarios. Esta cifra extráese dos propios datos ofrecidos polo Ministerio de Defensa, que gastou este ano un total de 9.726,36 millóns de euros en financiamento militar, ben sexa en armamento, en manter o exército ou na mellora de infraestruturas.

Con todo, este montante é inferior ao adicado ao mesmo concepto o ano pasado, cando se inverteron un total de 10.091,95 millóns de euros. Segundo o goberno español, este descenso, dun 3%, débese fundamentalmente a unha moderación do gasto en tempos de crise. Con todo, un informe publicado polo Centre d’Estudis per la Pau J.M. Delàs de Justícia i Pau asegura que este aforro non é tal: afirma que a redución presupostaria para o exército tería sido só dun 1,6%, ao teren en conta partidas que non aparecen nos orzamentos de Defensa, senón noutros ministerios. Falan así dos departamentos de D+I con finalidades de defensa que reciben cartos do Ministerio de Industria, a Garda Civil do Ministerio do Interior, entre outros exemplos.

Ademais, recordan que malia a crise hai grandes proxectos militares en curso que non foron suspendidos nin viron recortado o seu financiamento. Neste campo, subliñan o caso do avión Eurofighter, os carros de combate Leopard ou os mísiles Tomahawk.

Vendendo armas a outros países
Doutra banda, o informe do Centro Delàs tamén revela que o Estado Español gañou case 1000 millóns de euros na exportación de armamento durante o ano pasado. Esta cifra representa un 0,2% máis con respecto ao 2007.

Porén, o máis preocupante é que segundo esta entidade, "unha terceira parte destas exportacións tivo como destino países que vulneran a Lei de control e transferencias de armas", é dicir, países que figuran na lista das Nacións Unidas por vulnerar os Dereitos Humanos, por ser politicamente inestábeis ou por estar no medio dun conflito armado. Así, e sempre segundo os propios documentos oficiais do Estado Español, o goberno tería exportado armas a Israel, Marrocos, Turquía, Arabia Saudí, Ecuador, Colombia, Venezuela, India, Paquistán, Emiratos Árabes, Indonesia, Singapur, Tailandia, Sri Lanka, Ghana ou Angola.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cada cidadán do Estado Español contribúe ao gasto militar con 408 euros anuais
Cada cidadán do Estado Español contribúe ao gasto militar con 408 euros anuais
Unha das maiores inversións deste ano foi a adquisición dun avión Eurofighter
Unha das maiores inversións deste ano foi a adquisición dun avión Eurofighter