O alcalde presentou unha alegación contra a alternativa do liña prevista entre A Coruña e Betanzos, que afectaría "moi gravemente" o encoro de Cecebre.
O Concello de Abegondo (A Coruña) remitiu ao Ministerio de Fomento unha alegación contra a alternativa do trazado do TAV entre A Coruña e Betanzos, que pasa polo municipio, pois "afectaría moi gravemente" o espazo natural protexido do encoro de Abegondo-Cecebre.
Así o explicou o alcalde do municipio, José Antonio Santiso Miramontes (PPdeG), mentres manifestaba a súa confianza en que a alternativa que pasa polo concello "vai ficar excluída", e elixirase unha das outras dúas que estuda Fomento. O proxecto atópase en fase de exposición pública, durante a cal as entidades afectadas poden presentar as súas alegacións.
O rexedor remitiu ao ministerio, xunto coa alegación, un estudo, encargado pola corporación local, ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este informe, presentado este luns aos medios e asinado polo profesor Pablo Ramil e o enxeñeiro de montes Javier Ferreiro, considera que o trazado do tramo que afecta a Abegondo "resulta totalmente incompatíbel" cos criterios ambientais e a preservación do encoro de Abegondo-Cecebre, que está declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Por iso, Santiso advertiu que, dada a protección comunitaria da paraxe, "está prohibido" que a liña de alta velocidade pase por este trazado. No caso de que o ministerio se decantase por esta opción, dixo, o concello presentaría un contencioso no ámbito da Unión Europea.
Os veciños tamén se opoñen ao trazado
"En toda a comarca non hai outro espazo protexido", afirmou e sinalou que, por este motivo, Abegondo é "o único espazo polo que non pode pasar". Ademais, no escrito enviado a Fomento, o alcalde lembra que a Xunta escolleu este concello como Núcleo Piloto de Sustentabilidade e esta proposta de trazado "choca" coa decisión do Goberno.
O proxecto tamén conta coa oposición dos veciños da zona, que consideran, segundo o seu voceiro, Víctor Otero, que están "en xogo" as súas propiedades e vivendas e rexeitan os "prexuízos que o funcionamento da liña produciría". Otero, que participou xunto aos autores do estudo e o rexedor na conferencia de prensa, advertiu de que non descartan convocar mobilizacións "en defensa dos seus dereitos".