Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Infantil e Primaria

Os sindicatos do ensino néganse en bloque a asinar o acordo de reagrupamento

O texto presentado por Educación pretendía que os criterios pactados se aplicasen para reducir unidades, mais non para crear outras novas.

Redacción - 18:20 06/07/2009
Tags: sindicatos

Todos os sindicatos con representación no sector do ensino rexeitaron asinar o texto acordado sobre os criterios de agrupamento do alumnado en centros de Infantil e Primaria, por mor da modificación unilateral do texto por parte da Xunta con respecto ao negociado previamente na Mesa Sectorial de Educación.

O responsábel de Ensino Público de CCOO, Xosé Fuentes, declarou que o Goberno pretendia que os agrupamentos "se aplicasen unicamente no caso de suprimir unidades nalgún centro de agora en diante, pero que eses criterios non se aplicarían para crear novas unidades".

Segundo o presidente de ANPE, Xulio Díaz, o seu rexeitamento á medida debeuse a que Inspección educativa "estaba a traballar noutra liña" do acordado e que estaban a chamar aos centros aplicando un criterio en que "hai supresións pero non creacións". Ademais, explicou que as partes dispoñen de "datos moi relativos" sobre o número de unidades afectadas, e que a Administración non deu cifras concretas.

Por UXT, Raúl Gómez criticou que á Consellaría de Educación "se lle fosen os números das mans" ao non dispoñer "dunha base de datos actualizada" e estimou que, segundo os criterios da circular, "a supresión afectaría aproximadamente 300 postos de traballo", fronte ao acordado na Mesa Sectorial, que só supoñería que "serían 100 os afectados", ao se compensaren con novas unidades.

O STEG amosou a súa "sorpresa" polo texto presentado por Educación, á que tachou de "incompetencia á hora de realizar as tarefas que se derivan dos acordos que subscribe". Cualificou a proposta de "inaceptábel e incomprensíbel", por entender que os criterios deberían de ser de aplicación universal.

Segundo o Sindicato de Traballadores do Ensino, "aprendeu unha lección para toda a lexislatura con esta Consellaría: nunca sairemos dunha xuntanza ou Mesa Sectorial na que se acorde algo sen ter subscrito un preacordo coas partes asinantes", e que "actuará, coma sempre, en defensa do ensino público".

A CIG-Ensino, que xa non asinara o primeiro acordo, asegurou que xa entendera "perfectamente que estabamos ante un acordo pensado exclusivamente para reducir unidades", e lembrou que xa reclamara nun principio que os agrupamentos tivesen un "carácter flexíbel" contando coa opinión dos centros e reducindo as ratios.

Por outra banda, o sindicato denunciou a actitude "prepotente e autoritaria" da consellaría nas Mesas de Negociación, onde se negou a responder qué criterio vai seguir cos centros privados que segregan alumnado por sexos e solicitaron concerto. Tampouco recibiu resposta sobre o que se vai facer coas enquisas sobre o uso do galego no ensino. CIG tamén asegurou que se lle negou o seu dereito a pronunciarse sobre o programa de gratuidade dos libros de texto, que cualificou de "grave retroceso".

As forzas sindicais emprazaron a consellaría a "reconsiderar a súa postura" e a propoñer un nov texto "para este venres", con criterios "para todos os centros nas mesmas condicións".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: