Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Megacaixas posíbeis a nivel estatal

Cajamadrid-Caixa Galicia-CAM? O futuro das fusións interrexionais

O PPdeG ve improbábel a necesidade do modelo de fusións que apoia o PP en Madrid. Para o PSdeG a fusión recomendábel en Galiza é entre as propias caixas do país. O BNG advirte da porta aberta ao afastamento dos centros de decisión das entidades.

R. N. - 11:00 03/07/2009

A posibilidade abrollou hai xa tempo nas corredoiras do debate económico e así llo contamos en diversas ocasións ao fío da reforma do marco legal que lle afecta ás caixas de aforro. As fusións interrexionais, entre caixas con domicilio en diferentes comunidades autónomas, gañaron forza no primeiro plano do diálogo económico coincidindo co agravamento da crise financeira. De xeito concreto, os preocupantes indicadores amosados por un gran número de caixas de aforro, aceleraron a toma en consideración desta medida. Inaplicábel na actualidade, o goberno español admitiu que na axenda da reforma contemplaba dar os pasos necesarios para autorizar este tipo de fusións.

Unha caixa galega cunha asturiana? Unha vasca cunha rioxana? Especulacións aparte, tal posibilidade sempre foi debuxada no marco de caixas xurdidas de xeografías próximas. Mais nos últimos días o voceiro de Economía do PP, Cristóbal Montoro, quen se ten pronunciado en abundancia sobre a fraxilidade do mapa de caixas, era protagonista dunha sorprendente proposta de fusións con impacto ao través de toda a península. Publicacións como Hispanidad (La megacaja del PP) ou Capital News (Cajamadrid, el pato cojo del proceso de concentración), concretaron os ruxerruxes apuntando unha posibilidade que Montoro vería con bos ollos: unha fusión de Caixa Galicia, CajaMadrid e a Caja de Ahorros del Mediterrráneo (CAM).

PPdeG: só se é necesario para que "sigan sendo un instrumento eficaz"
Preguntados ao respecto do debate das caixas, os grupos parlamentarios do país ven difícil que este tipo de fusións poidan afectarlle ás entidades galegas. Así por exemplo, Pedro Puy Fraga (PP) subliña que os intereses que deben primar no debate "son os da economía galega e os dos galegos que teñen os seus recursos nas caixas do país". Para Pedro Puy non existe agora mesmo hipótese real ningunha enriba da mesa que permita agoirar a curto prazo unha fusión de Caixa Galicia ou Caixanova con entidades foráneas.

Así e todo, admite o deputado do PPdeG que se trataría dunha hipótese de "último extremo". Na súa opinión, só circunstancias excepcionais relacionadas coa "lóxica da racionalidade económica" levarían a tal escenario. Advirte o voceiro en materia económica do grupo parlamentario do PPdeG que un contexto de gravidade podería levar a que tal iniciativa fose necesaria para "manter a lóxica da eficiencia", un mellor servizo e a garantía de que as caixas "sigan sendo un instrumento eficaz" ao servizo de Galiza. Por outro lado, lembra o deputado popular que a competencia de veto da Xunta sobre unha medida deste tipo está garantida estatutariamente e di estar seguro de que o Goberno só exercitará esta capacidade "en beneficio dos intereses xerais da economía galega".

PSdeG: improbábel escenario, mais a prol da existencia da posibilidade
En parecido sentido, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, explicou para Vieiros que a fusión de Caixa Galicia e/ou Caixanova con entidades de fóra de Galiza sería froito "unicamente dunha situación excepcional". "Un último estremo ao que se chegaría por todo un conxunto de graves circunstancias e unha situación dramática", argumenta Fernández Leiceaga, para quen tal escenario é improbábel.

Leiceaga ve de xeito positivo o anuncio do goberno español dun fondo de axuda ás entidades e a atención especial ás caixas de aforros e valora tamén positivamente o que considera que está sendo até o de agora "unha actitude de respecto ás competencias autonómicas en materia de caixas". Ao lado diso, admite ver máis "discutíbel" a necesidade das fusións interrexionais, aínda que non cre que as entidades galegas vaian verse afectadas por tal proceso. "No caso de Galiza somos partidarios de que se son precisas fusións se produzan entre as caixas galegas, aínda que entendamos prioritario que se garantan as condicións de viabilidade nun momento de crise", explica o deputado socialista.

BNG: en contra de afastar instrumentos estratéxicos "vitais"
"A cuestión é moi clariña: que digan se están ou non a prol de que as caixas galegas poidan ver como os seus centros de decisión marchan fóra do país", desafía Fernando Blanco, voceiro parlamentario do BNG en materia de Economía, "que digan se lles dá ou non igual". Segundo explica para Vieiros o deputado nacionalista, Galiza afronta a "grave" posibilidade de "perder un instrumento económico clave".

Recorda Fernando Blanco que a necesidade do papel de Caixa Galicia e Caixanova como ferramentas "estratéxicas" fundamentais ao servizo do país tense posto de manifesto en numerosas ocasións, e pon ao respecto o exemplo da importancia para o sector naval. Por outro lado, lembra o deputado do Bloque que, interpelado ao respecto, o Goberno respondeu na Cámara que se trata dun debate e problema "técnico". Láiase Blanco da falta de importancia que entende que a Xunta lle outorga ao actual debate e advirte de que é "un tema político de amplo alcance". Por este motivo, insiste en que as forzas políticas deberan expoñer con claridade as súas posicións ao respecto. Ademais, urxe o goberno español a achegar a súa proposta en detalle para que sexa debatida e negociada.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: