Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
crise no sector leiteiro

Traballadores e directiva de Pascual negocian un ERE temporal para todo o persoal de Outeiro de Rei

Aínda non se concretaron os períodos nin o número de traballadores aos que vai afectar esta medida.

Redacción - 09:00 02/07/2009

O presidente do Comité de Empresa da planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei (Terra Chá), Pedro Neira, asegurou esta cuarta feira que os representantes dos traballadores e do grupo lácteo están a negociar que o expediente de regulación de emprego (ERE) sexa temporal "para todo o persoal", en lugar de supoñer a extinción de contratos exposta pola empresa o pasado 5 de maio.

En declaracións aos medios, ao saír da reunión mantida en Benavente (Zamora) entre os comités de empresa de Outeiro de Rei e Aranda del Duero (Burgos) e a dirección de Pascual, Neira admitiu que se produciu un "avance importante". "As posicións están máis próximas", considerou.

Neste momento, a negociación céntrase en determinar a duración dese ERE temporal, que podería situarse entre os 4 e 8 meses, e que afectaría a algo menos dos 155 traballadores, dado que, como sinalou, parte dos empregados que dispuñan dun contrato eventual que finalizou durante este proceso de negociación, xa abandonaron a planta. Así mesmo, as partes están pendentes de decidir o número de persoas que permanecerán na factoría durante o período de vixencia do ERE temporal e, polo momento, non se falou de se as instalacións de Outeiro de Rei permanecerán operativas ou non cando se aplique o expediente.Neira indicou que, ademais, Pascual ofreceu "saídas incentivadas" da empresa que se realizarían antes da entrada en vigor do ERE temporal -que até hai pouco só se había aplicar a un 30% do persoal da planta lucense-. Tamén expuxo a posibilidade de buscar "saídas laborais" a parte dos empregados mediante unha bolsa de traballo, a pesar de que non se precisou o número de traballadores que poderían acollerse a esta medida. No caso do persoal de Aranda del Duero, Pascual referiuse ás prexubilacións, opción que "en principio", segundo Neira, non se contempla para Outeiro de Rei.

A vindeira reunión desenvolverase a terza feira que vén, de novo en Benavente e, nela, Neira confiou en que se pechen acordos sobre as cuestións expostas con anterioridade, e se comece con novas negociacións. Entre os temas pendentes de maior relevancia figuran, como apuntou, a contía económica das saídas incentivadas.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: