Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE DOUS DÍAS DE MARCHA

Milleiros de traballadores do metal toman Compostela

Logo de 20 días de mobilizacións, os folguistas fan unha demostración de forza nas rúas santiaguesas. Vídeo no interior.

Redacción - 14:00 30/06/2009
Tags:

O son dun helicóptero policial anunciaba a chegada da columna de obreiros. Máis de tres milleiros de traballadores do metal entraban en Santiago vixiados por un amplo dispositivo de axentes antidisturbios camiño da sede central da Xunta de Galiza. Os folguistas completaban así o seu segundo día de marcha logo de partir a andar dende Pontevedra e facer noite o luns en Padrón. As consignas a prol dunha negociación do convenio centraban os cánticos dos manifestantes á súa entrada na cidade.

A conselleira de Traballo pídelle ás partes do conflito do metal que "avancen nas negociacións" porque "estamos ao límite"
A conselleira de Benestar Social e Traballo, Beatriz Mato, pediulles este martes a sindicatos e empresarios, coincidindo coa chegada da marcha dos operarios do Metal a Compostela, "que lle confirmen a Galiza que están dispostos" a solucionar o conflito do sector, e expresou a súa "firme esperanza" de que esa solución chegue este semana ou "mesmo hoxe" -por este martes-, na xuntanza prevista entre as partes a partir das 18h00 horas no edificio administrativo da Xunta en Vigo.

En declaracións aos medios, Mato lembrou que sindicatos e patronal lle trasladaron xa a pasada semana a súa "vontade de negociar e de chegar a un acordo". Así mesmo, apuntou que as partes "son conscientes da gravidade da situación" e de que "moitos sectores están a piques de facer crack". Alén disto, a conselleira apelou á responsabilidade de ámbalas dúas partes, e precisou que a Xunta non recibiu resposta dos sindicatos sobre do rexeitamento -que xa manifestaron publicamente- á proposta de incremento salarial realizado polos mediadores. Segundo a titular de Traballo, sindicatos e empresarios manifestáronlle nos últimos contactos que mantivo con eles, a súa "vontade de chegar a acordo", polo que afirmou que confiaba "na palabra desta xente".

"Galiza xa non aguanta máis este conflito"
A conselleira tamén advertiu que "Galiza xa non aguanta máis este conflito" que, na súa opinión, chegou a un punto "que non ten explicación", porque as reivindicacións "prexudican a outros sectores e ao tecido produtivo" do país. "Estamos ao límite", subliñou, e instou ás partes a que "empreguen o escenario" de negociación e diálogo facilitado polos mediadores, que "puxeron na mesa unhas cifras e unha solución", xa que "agora só falta que as partes lle confirmen a Galiza que están dispostas a solucionar o conflito".


5/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: