A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da cidade pediulle de novo a Xabier Losada que actúe na eliminación de símbolos fascistas.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña pediulle ao alcalde da cidade, Xabier Losada, a través dun manifesto denominado Bos tempos son chegados, que elimine os 55 símbolos franquistas que hai na cidade, entre eles o nome de 24 rúas.
No escrito, enviado o pasado 16 de marzo polo presidente da Comisión, Manuel Monge, tamén se convidaba o rexedor a desconvocar a Comisión Municipal de Honras e Distincións, encargada de aprobar un ditame para a súa posterior presentación no Pleno da corporación.
Monge lembroulle a Losada que a Lei da Memoria histórica está en vigor desde hai 18 meses, despois de que se aprobase o 27 de decembro de 2007. "A actitude de Concello denota unha auténtica desidia e irresponsabilidade, atrasando, sen xustificación algunha, a aplicación dunha lei que lle permitiría á cidade abandonar o título vergoñoso de capital da simboloxía franquista", conclúe.