Os manifestantes, que demandan unha consulta popular sobre a autodeterminación de Cataluña, foron recibidos por varios deputados de ERC e CiU.
Máis de tres mil manifestantes marcharon este sábado até o Parlamento de Cataluña, demandando un "acto de soberanía", "necesario para que Cataluña sexa un país soberano, libre e solidario".
Os deputados de CiU, Josep Rull e Jordi Turull, que foron até o Parlamento para recibir a manifestación, optaron por non asinar o documento onde se demandaba este "acto de soberanía", para non "xerar falsas expectativas", ou, en todo caso, "expectativas que non se poden conseguir a corto prazo". Por outro lado, os oito deputados de ERC que recibiron os manifestantes, entre eles Anna Simó, Xavier Vendrell, Uriel Bertran e Marina Llansana, si asinaron, comprometéndose a desenvolver o acto de soberanía. Porén, os asistentes á mobilización reprocháronlles que non tivesen votado a favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada por Deumil.cat, pedindo unha convocatoria dun referendo de autodeterminación para o país.
Poden consultar a información completa sobre esta mobilización, e ver un vídeo e imaxes no xornal electrónico catalán Vilaweb.