Acusan ao actual goberno de ser "incapaz" de tomar decisións e critican a situación de "parálise" que aprecian na súa xestión.
Elías Torres
O colectivo Universidade Aberta (UA) acusou de "falta de representatividade e lexitimidade" ao actual goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dirixido polo reitor Senén Barro, integrado no colectivo Universidade Progresista. Elías Torres falou en nome de UA e criticou a situación de "parálise" que, segundo el, está provocando nestes intres o actual goberno. Estes dous colectivos presentaron unha candidatura conxunta aos comicios universitarios do ano 2006 e conviviron no goberno até fai uns meses.
Torres dixo que o goberno de Barro é "incapaz" de tomar decisións, e criticou aspectos como a "modificación de criterios" nos procesos de selección do profesorado e o proceso "cada vez máis confuso e complicado" de integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Afirmou que os comicios deben convocarse en período lectivo, na primeira data en que se teña garantía de que os censos están listos despois de que os estudantes volvan do período estival.
Sobre o seu futuro candidato, Elías Torres recoñeceu que Lourenzo Fernández Prieto, profesor da faculdade de Xeografía e Historia, deixou o goberno da universidade pola "necesidade de articular" a nova candidatura, que abarcará "aínda un espectro ideolóxico maior", pero non especificou se el vai encabezar esa candidatura. Torres tamén criticou o sistema de plataformas, do que dixo que "tiña certo sentido nos anos 80 e 90, pero xa está superado".