Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Alegacións ao último proxecto da Xunta

Adega: "A Costa da Morte está de saldo"

"Piscifactorías, parques eólicos en primeira liña de costa, Parador na Rede Natura e agora, a liña de alta tensión Muxía-Vimianzo", denuncian.

Redacción - 14:00 25/06/2009
O Camiño de Santiago verase afectado

O Camiño de Santiago verase afectado

Adega é contundente: "O ambiente da Costa da Morte está de saldo: piscifactorías, parques eólicos en primeira liña de costa, Parador na Rede Natura e agora, a liña de alta tensión Muxía-Vimianzo".

A organización ecoloxista acaba de presentar novas alegacións á liña de alta tensión Muxía-Vimianzo. Un outro proxecto de alto impacto, din, para unha zona "xa ameazada polas piscifactorías de Merexo e Touriñán, o Parador previsto para a Rede Natura e os parques eólicos Muxía I e II".

Xa que logo, Adega solicita nas súas reclamacións que se declare nulo o estudo de impacto ambiental debido aos "graves erros" que presenta, que "impiden unha valoración obxectiva" do impacto do proxecto no territorio.

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) omite "interesadamente" datos que evidencian a magnitude da afectación. Segundo afirman baseándose no inventario arqueolóxico elaborado pola USC, o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, sufriría un impacto "severo" ao ser cruzado pola liña en dous puntos.

Ademais, critica Adega, o EIA só valora o impacto da liña e non menciona o do parque eólico e inclúe parágrafos enteiros referentes a outro proxecto situado no municipio de Paradela (Sarria), que demostra a "estendida práctica de 'cortar e pegar' na elaboración destes estudos e a falta de rigor na valoración dos impactos".

Controvertida "utilidade pública"

Por último, a organización solicita que se lle denegue a declaración de "utilidade pública" por parte da Xunta, unha figura xurídica moi empregada para piscifactorías e parques eólicos, que "permite a negocios privados adquiriren o dereito de deteriorar o noso patrimonio e a expropiaren bens a moita xente para beneficio exclusivo duns poucos".

Neste senso, Adega expón ademais que a instalación choca co interese xeral doutros bens coma o Camiño de Santiago, os hábitats naturais protexidos polas directivas europeas e os espazos de produción agrícola e forestal, algúns protexidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.


Ligazóns

5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: