Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CAISSE D´EPARGNE

Óscar Pereiro será o líder do seu equipo no Tour

A ausencia de Alejandro Valverde deixa o de Mos como líder dun cadro no que tamén terá moita liberdade Luís León Sánchez.

Redacción - 11:30 25/06/2009
Óscar Pereiro coa camisola de líder do Tour, no ano 2006

Óscar Pereiro coa camisola de líder do Tour, no ano 2006

O vindeiro 4 de xullo comeza en Mónaco 96ª edición do Tour de Francia, a máis prestixiosa das carreiras coas que conta o calendario ciclista internacional. Malia que non estará alí o equipo profesional galego, si que estaremos representados mediante o campión do ano 2006, Óscar Pereiro. A ausencia do murciano Alejandro Valverde deixa o ciclista de Mós como líder do equipo Caisse d´Epargne, que polo momento só ten confirmados a seis dos seus nove ciclistas, como son: David Arroyo, Iván Gutiérrez, Luís Pasamontes, Luís León Sánchez, Xavier Zandio e o propio Pereiro.

Os outros tres ciclistas sairán elixidos dun grupo formado por Arnaud Coyot, José Joaquín Rojas, Rigoberto Uran, e o Portugués Rui Costa. Por unha cuestión de veteranía e palmarés, Pereiro debería ser o líder deste grupo de ciclistas, malia que neste deporte adoita dicirse que é a estrada a que pon a cada un no seu lugar. Tamén se agarda que Luís León Sánchez teña total liberdade de movementos na rolda francesa.

Alí estarán algúns dos principais equipos do momento como son, ademais do Caisse D´epargne, o Astana, Cerveló, Team Columbia, Rabobank, Lampre ou Liquigas. No que se refire a ciclistas, está confirmada a presenza dos tres últimos gañadores que son Pereiro, Alberto Contador e Carlos Sastre. Tamén se agarda a presenza do gañador do último Giro, Dennis Menchov, e unha das principais incógnitas será ver o estado de forma do sete veces campión da carreira, Lance Armstrong, que volveu este ano á competición despois da súa retirada no 2005.

O Tour comeza en Mónaco o sábado 4 cunha contrarreloxo individual de 15 quilómetros, e remata o 26 en París. Polo medio queda unha contrarreloxo por equipos e outra individual, así como sete etapas de montaña. De entre estas destaca a sétima, a 15ª, a 17ª e a 20ª, que remata coa ascensión ao mítico Mont Ventoux.


2,14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: